Ferrolterra abrirá as instalacións situadas á beira do río Castro
A cantina da área recreativa da Cobeluda levanta a persiana tras un par de anos sen actividade, e onte á tarde, despregaba mesas e cadeiras para volver a atender aos visitantes que cada día recibe a zona. Sen dúbida, un novo atractivo para este espazo natural á beira do río Castro, que conta cunha ampla zona axardinada con áreas de sombra, mesas e bancos, merendoiro e dúas barbacoas de pedra, ademais de aseos.
Así, a cantina abrirá todos os días da semana, de luns a venres dende as 12:00 horas e ata as 22:00 h, e fins de semana e festivos dende as 10:00 h. Uns horarios que poderían ampliarse en función da afluencia de visitantes. Este ano, o Concello de Neda sacaba a concurso a concesión para a explotación do negocio de hostalería trala cesión da zona por parte da entidade veciñal, e Cátering Ferrolterra facíase co contrato.
Ofrecerá coma sempre servizo de bar, e contará na carta con bocatas e churrasco -neste caso, os sábados-, así como outras racións -sempre, por encarga-. Un novo punto de encontro en plena natureza para este verán.