Friday 22 de November de 2024

Turismo de Santiago participa nunhas xornadas con máis de 60 profesionais do mercado chinés


A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, con representantes do sector turístico chinés

O gasto medio dos turistas chineses en España antes da pandemia era superior aos 300 euros ao día.

Turismo de Santiago participou onte en Madrid no “Diálogo para a Cooperación Turística España-China”, organizado por Turespaña, co obxectivo de posicionar a cidade nun mercado con grandes posibilidades para a cidade, tanto polo seu volume como polo elevado gasto medio dos seus turistas.

Así, segundo os datos do INE, os turistas procedentes de China tiñan antes da pandemia un gasto medio por persoa de máis de 300 euros ao día, unha cifra moi superior á dos turistas que veñen a Galicia do resto do Estado, que no 2022 foi de 56 euros por persoa ao día.

As xornadas reuniron a máis de 200 representantes dos sectores turísticos de España e China, incluindo unha delegación de 60 directivos chineses, entre os que se atopaban responsables das principais touroperadoras e axencias de viaxes do país asiático, así como medios de comunicación e outros profesionais do seu sector turístico emisor.

Coa participación nesta Xornada, Turismo de Santiago continúa coa súa aposta polos mercados asiáticos de alto valor engadido, entre os que destacan Xapón e Corea do Sur, considerados fundamentais para desenvolver un modelo turístico de maior calidade e con maior repercusión económica para o conxunto do Concello, xa que, segundo os datos do INE, tamén Xapón e Corea do Sur tiñan antes da pandemia un gasto medio por persoa superior aos 300 euros ao día.

Nesta liña, Turismo de Santiago participou na International Luxury Travel Market (ILTM) de Asia, que se celebrou en Singapur do 19 ao 22 de xuño, co obxectivo de captar turismo de alto impacto económico dos principais mercados emisores asiáticos, que ademais fomentan a desestacionalización da demanda.