A conselleira de Medio Ambiente interveu hoxe no Pleno do Parlamento, onde apostou por unha Galicia ordenada, sostible e capaz de crecer, ao tempo que respecta o patrimonio, valores naturais e a paisaxe
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apelou esta mañá no Pleno do Parlamento a acadar o máximo consenso para un texto normativo que considerou dos máis importantes da actual lexislatura e que nace con vocación de futuro e de permanencia. Destacou que a nova Lei do solo está dirixida a protexer e mellorar o territorio galego facéndoo compatible co seu aproveitamento, ao que engadiu que -con esta lei- garantirase que ningún concello de Galicia quede sen un planeamento urbanístico actualizado, ao tempo que dará resposta ao desafío de facer do rural galego un medio vivo e protexido.
O desexo do Goberno galego é contar cunha Galicia ordenada, sostible, capaz de crecer e de ser competitiva, ao tempo que respecta o seu patrimonio, os seus valores naturais e a súa paisaxe. Nese sentido, a nova lei ten un “plus de relevancia” por tres razóns: incide directamente sobre a protección da paisaxe, que é algo que afecta a todos; está concibida para ser unha norma a longo prazo ao establecer o marco urbanístico en Galicia para os próximos anos; por último, dará resposta a un consenso político e social, explicou a conselleira de Medio Ambiente.
O obxectivo último da Xunta é contar cunha lei de todos os galegos e para todos os galegos, por esa razón fíxose un profundo exercicio de simplificación e clarificación do texto, co que se acadou unha lei máis práctica e simple. A modo de exemplo recordou que o número de artigos reducíronse nun 32% con respecto a anterior LOUG.
Ordenación, desenvolvemento do rural e protección da paisaxe
“A ordenación do territorio de Galicia, promover e facilitar o desenvolvemento do medio rural e garantir a máxima protección da paisaxe galega” son obxectivos esenciais que se pretenden consolidar con esta nova Lei do solo, enumerou a responsable de ordenación.
En relación co primeiro dos obxectivos, pretendese atender ás demandas de planificación urbanística, conseguindo que ningún concello de Galicia careza dun planeamento actualizado e de calidade. Así, a nova Lei garantirá que os 314 concellos teñan o planeamento que necesitan e perdurable no tempo, grazas á figura dos plans básicos –unha das grandes novidades desta lei-, tanto do Autonómico e como do Municipal, e á axilización de informes e trámites, como o informe único autonómico, que se emitirá nun prazo máximo de 3 meses e será a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a encargada de recompilar o conxunto de informes sectoriais.
A Xunta establecerá un rexistro de plans de ordenación para que se arroxe luz e transparencia sobre a situación urbanística de Galicia e para que os cidadáns conten con información accesible sobre onde e como medrar en Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente afirmou que Galicia “foi, é e será unha comunidade eminentemente rural”, polo que para isto continúe así hai que afrontar dous retos esenciais: conseguir que o rural galego sexa un medio rural vivo e ao mesmo tempo garantir que estea protexido ao máximo, aclarou.
O Goberno galego busca favorecer un aproveitamento do rural compatible coa preservación dos seus valores, sen poñer en perigo os valores propios do rural- “unha premisa básica que recolle a Lei”, matizou a conselleira, ao que engadiu que “non hai ningún solo máis desprotexido que o que está abandonado, polo tanto tamén hai que loitar con isto”.
En relación coa protección da paisaxe, a conselleira reiterou que a Lei pon o interese xeral que supón a paisaxe por riba de calquera interese privado ou particular; e aclarou que coñecer e preservar a paisaxe galega “é cousa de todos”, polo que insistiu na idea de corresponsabilidade en materia de ordenación do territorio e protección da paisaxe. Apuntou que alcanzar un alto grado de sensibilización e concienciación social nesta materia será o primeiro paso para cumprir os obxectivos.
Así, a lei establece o marco necesario para que as construcións se adapten ao contorno –“e non ao revés”, aclarou-, grazas ao fomento da recuperación do xa construído fronte a novas estruturas e reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións, poñendo fin ao deterioro das paisaxe galega.
Diálogo e consenso permanente
A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Lei do solo é unha norma que foi desenvolvida co máximo consenso, xa que só deste xeito se conseguirá cumprir o obxectivo de perdurabilidade a longo prazo.
Sinalou que dito consenso buscouse dende os primeiros pasos, coa apertura dun proceso de participación no que se mantivo un diálogo con 75 axentes sociais e a celebración de 30 encontros sectoriais. É dicir, “todos aqueles que quixeron realizar achegas ao texto puideron facelo” e esa participación resultou ser moi frutífera, xa ao texto que hoxe se presenta no Parlamento se incorporaron un 80% das alegacións que se achegaron.
Mato Otero engadiu que “hoxe se completa o proceso de diálogo” escoitando as achegas que poidan apostar os grupos parlamentarios, polo tanto todas aquelas propostas que teñan como obxectivo sumar serán benvidas.
A titular de Medio Ambiente destacou o traballo realizado polo Goberno galego nos últimos anos a prol da mellora e actualización da ordenación do territorio galego, grazas á aprobación en 2011 das Directrices de Ordenación do Litoral e do Plan de Ordenación do Litoral.