Entre outros acordos, o goberno aprobou o expediente de expropiación dos terreos precisos para conectar a rúa Neptuno coa Arroaces, en Razo
Hoxe celebrouse a reunión de constitución da Xunta de Goberno Local, que neste mandato estará integrada por Evencio Ferrero, presidente; Belén Lendoiro, primeira tenente de alcalde e delegada das áreas de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior; Xosé Regueira, segundo tenente de alcalde e delegado das áreas de Promoción Económica e Turismo; Ángeles Pacoret, terceira tenente de alcalde e delegada das áreas de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística; Daniel Pérez, cuarto tenente de alcalde e delegado das áreas de Deportes e Participación Cidadá; Iván Andrade, quinto tenente de alcalde e delegado das áreas de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, e Mar Eirís, sexta tenente de alcalde e delegada das áreas de Educación e Terceira Idade.
A Xunta de Goberno Local reunirase en luns alternos, ás 13.30 horas no inverno e ás 13.00 horas no verán.
Na sesión constitutiva tamén quedaron establecidas as súas competencias, e, deste xeito, na sesión de hoxe xa adoptou os primeiros acordos do mandato. Entre eles destacan a aprobación das bases reguladoras da convocatoria de subvencións a asociacións de empresarios e comerciantes para actividades de promoción económica durante o ano 2023, cunha consignación de 70.000 euros, e o proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta para a execución das obras de prolongación da rúa Neptuno para conectala coa Arroaces, en Razo, incluída no PXOM como sistema xeral viario SX-VI/AU11.
O proxecto someterase a información pública por un prazo de 1 mes para que as persoas interesadas poidan formular as observacións ou reclamacións que estimen oportunas. Os propietarios das tres parcelas afectadas serán notificados individualmente, xa que a prolongación da vía obriga a ocupar 193, 57 e 37 metros cadrados, respectivamente.