O Concello de Oleiros leva demandado á Xunta de Galicia, en numerosas ocasións durante os últimos anos, que tomen medidas ante a alarmante presenza de xabaríns en zonas urbanas, que provoca danos materiais en numerosas zonas públicas e privadas, así como riscos para as persoas. As competencias para solucionar este asunto correspóndenlle en exclusividade á Consellería de Medio Ambiente que ata o momento non fixo absolutamente nada por intentar resolver a situación.
Pasaron máis de 4 anos desde que o Concello enviou un informe á Consellería de Medio Ambiente no que se detallaban as principais zonas de tránsito dos xabaríns para facilitar a colocación de xaulas. Tamén se reclamaron a utilización doutros métodos para reducir a superpoboación deste animal, que está a causar problemas graves en toda Galicia.
“Nós non escorremos o vulto no tema dos xabaríns, simplemente non temos competencia. É a Consellería de Medio Ambiente a única responsable. Pasa algo similar con Costas na praia de Santa Cristina, na parte da ría, no mesmo sitio polo que me sacaron da alcaldía. Hai escombros e tres árbores a punto de caer, un perigo tremendo. Queren constantemente que asuma responsabilidades que non me pertencen, para despois criminalizarme”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.