Na sesión procedeuse á aprobación das comisións, réxime retributivo da corporación ou designación de portavocías, entre outros puntos
O Concello de Neda celebraba esta mañá o seu primeiro pleno extraordinario, o de organización. Na orde do día, e entre outros asuntos, a creación das comisións informativas, periodicidade dos plenos, representación en órganos externos ou as retribucións dos membros da corporación.
Deste xeito, o pleno arrancaba coa designación dos/as portavoces dos grupos municipais:
-Ángel Alvariño (PSdeG-PSOE)
-Eladio Romero (PP)
-Cristina Bouza (BNG)
-Carlos Caaveiro (Moveneda)
Aprobábase tamén a creación das seguintes comisións informativas permanentes co voto favorable do PSOE, a abstención de PP e BNG e o sufraxio contrario de Moveneda:
-Comisión Informativa de Economía e Facenda (actuará tamén como Comisión Especial de Contas).
-Comisión Informativa de Obras, Seguridade Cidadá e Terceira Idade.
-Comisión Informativa de Educación, Deportes e Igualdade.
-Comisión Informativa de Servizos, Sanidade e Medio Rural.
-Comisión Informativa de Cultura e Turismo.
-Comisión Informativa de Urbanismo, Medio Ambiente e Xuventude.
-Comisión Informativa de Servizos Sociais.
-Comisión Informativa de Asuntos do Pleno.
A petición do BNG, o rexidor indicou que se valorará modificar a denominación da Comisión Informativa de Educación, Deportes e Igualdade facendo unha mención expresa a Muller.
Terán periodicidade bimensual e funcionarán baixo o sistema de voto ponderado, de modo que cada grupo municipal terá un representante e o seu voto equivalerá ao seu número de concelleiros/as. Así mesmo, e como vén sendo dende os tres anteriores mandatos corporativos, créase tamén a comisión de coordinación das delegacións de áreas, con sesións todos os luns hábiles ás 12:00 horas.Ademais, deuse visto bo á creación da Xunta de Goberno Local.
Pola súa banda, as sesións ordinarias do pleno celebraranse cada dous meses,o cuarto luns dos meses impares ás 12:00 h. Neste punto, e a petición dos grupos da oposición, o alcalde avanzou que se estudará trasladar as sesións á tarde. A proposta, nos termos sometidos a votación en pleno, foi aprobada cos votos do PSOE e en contra dos restantes grupos.
Ademais, a proposta de representación en órganos externos, que saía adiante cos votos do PSOE e a abstención dos restantes grupos, queda do seguinte xeito:
-Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol: Ángel Alvariño
-Asociación de Concellos do Camiño Inglés: Marián Bello
-Mesa Local de Comercio: Javier Novo
-Consello Escolar Municipal: Ángel Alvariño (presidente), Ángeles Puentes (vicepresidenta) e un vogal por cada grupo municipal
-Consellos Escolares do IES Fernando Esquío, CEIP San Isidro, CEIP Maciñeira: Ángeles Puentes
-Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Ángel García
-Asociación Seitura 22: Ángel Alvariño
-Comisión de Seguemento do Convenio entre o Ministerio do Interior e o Concello para a incorporación do Corpo da Policía Local ao “Sistema de seguemento integral nos casos de violencia de xénero” (VIOGEN): Ángel Alvariño
-Mesa de Coordinación Policial derivada do Procedemento Operativo de Coordinación e Colaboración entre a Comandancia da Garda Civil da Coruña e o Concello (VIOGEN): Ángel Alvariño (presidente), Ángel García (vogal), Marián Dobarro (vogal) e Héctor Erezuma (vogal)
-Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero do Concello: Ángel Alvariño (presidente), Ángeles Puentes (vogal), Ángel García (vogal), Marián Bello (vogal), Marián Dobarro (vogal), Héctor Erezuma (vogal).
Respecto ao réxime de retribucións dos membros da corporación, establécense as seguintes, fixando unha subida do 14,21% respecto á pasada lexislatura, de acordo á actualización do IPC nese periodo:
-Asignación de 195 euros/mes a cada grupo político
-Asignación de 70 euros/mes por cada concelleiro/a integrante dos respectivos grupos
-Por asistencia a plenos: 150 euros
-Por asistencia á comisión de delegados de área: 240 euros
-Por asistencia á Comisión de Asuntos do Pleno, Contas e restantes -agás a Xunta de Goberno Local-: 60 euros
No tocante á asignación por grupo político e concelleiro/a, o executivo municipal estudará a proposta de BNG e Moveneda de establecer un sistema que priorice a retribución de cada grupo municipal fronte ao número de concelleiros e concelleiras polos que estean integrados. En todo caso, a proposta nos termos
indicados saíu adiante cos votos do PSdeG-PSOE; a abstención do PP e o BNG e o sufraxio contrario de Moveneda.
Por último, procedeuse á aprobación da dedicación parcial do alcalde, fixando unha retribución de 24.000 euros anuais. A proposta aprobábase cos votos do PSOE e a abstención de PP, BNG e Moveneda.