Saturday 16 de November de 2024

O poemario Os luídos do manancial presentouse ante o público pobrense


Xabier López Marqués presentou o seu poemario Os luídos do manancial ante o público pobrense na tarde do día 30 de xuño. Organizado en conxunto pola Concellaría da Cultura, a A. C. Barbantia e La Voz de Galicia, o acto desenvolveuse no Auditorio do Museo Valle-Inclán e contou coas intervencións do propio autor; da concelleira da Cultura en funcións, Patricia Lojo; de Isabel Santos e Xesús Laíño en representación da referida entidade cultural; e do escritor Antonio Piñeiro.

López Marqués conta xa cunha considerable produción literaria na cal se inclúen títulos como Polos mares das améndoas ou Arró.

O seu último libro emprega a auga como metáfora da creación e a lectura como toma de conciencia. Aquí, a linguaxe eríxese como protagonista; unha poesía pura que se artella a través do propio sentido da palabra.