Trala constitución da nova Corporación municipal, froito das eleccións municipais do pasado 28 de maio, o Goberno local de Fene, co alcalde Juventino J. Trigo Rey ao fronte, vén de dar a coñecer a distribución das áreas de goberno para o mandato 2023-27, que se repartiron do seguinte xeito: Manuel Polo Gundín (BNG) estará ao fronte de Urbanismo, Vivenda e Obras; Justo Martínez Ardá (BNG) será o concelleiro de Cultura e Medio Ambiente; Alejandra Permuy Meizoso (BNG) será a de Benestar Social, Servizos, Persoal, Seguridade e Participación Veciñal; Formación e Emprego e o servizo de Radio municipal corresponderán á concelleira Cristina García Moroño (BNG); e Facenda e Patrimonio e Promoción Económica a Mª de los Ángeles Coira López (BNG); como nova incorporación ao Goberno municipal de Fene, o concelleiro Adán Chao Pardo (BNG) estará ao fronte de Xuventude e Deportes; e Igualdade e Ensino corresponderán á Mª Carmen Martínez Rodríguez (EU). Dito reparto, especificado na Resolución de Alcaldía 665 do 29.06.23, xa é efectivo desde ese mesmo día, aínda que se publicará no BOP e se dará conta do mesmo no primeiro Pleno da Corporación que se celebre.
Por outro lado, por Resolución da Alcaldía núm. 656 do 28 de xuño do 2023 acordouse nomear membros da Xunta de Goberno Local do Concello de Fene ós seguintes concelleiros e concelleiras: Alejandra Permuy Meizoso, Manuel Polo Gundín, María Carmen Martínez Rodríguez, Justo Martínez Ardá e Mª de los Ángeles Coira López. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local terán lugar todos os xoves ás 9.00 h en primeira convocatoria e unha hora máis tarde en segunda convocatoria. Asemade, noméase Tenentes de alcalde, pola orde que de seguido se indica, ós/ás seguintes concelleiros/as membros da Xunta de Goberno Local:
– 1ª Tenente de alcalde: Alejandra Permuy Meizoso
– 2º Tenente de alcalde: Manuel Polo Gundín
– 3ª Tenente de alcalde: María Carmen Martínez Rodríguez
– 4º Tenente de alcalde: Justo Martínez Ardá
– 5ª Tenente de alcalde: Mª de los Ángeles Coira López