Friday 22 de November de 2024

Preto de 400 profesionais das Emerxencias participan na AGASP nunha Xornada de accidentes con múltiples vítimas


O director de Emerxencias e Interior e a decana do Colexio de Psicólogos de Galicia presentaron a “Guía de Autocoidado para intervenientes en situacións criticas”

O director de Emerxencias e Interior, Luis Menor, inaugurou hoxe unha Xornada de accidentes con múltiples vítimas na Academia de Seguridade Pública, na que participan preto de 400 profesionais das emerxencias, entre bombeiros, membros dos GES, voluntarios de Protección Civil, servizos municipais de Protección Civil, forenses e psicólogo/as, entre outros.

Segundo destacou Luis Menor, o obxectivo é por en valor o traballo dos múltiples corpos e organismos que interveñen cando se producen accidentes nos que se prevén múltiples vítimas. Cada un ten a súa metodoloxía e obxectivos, polo que xurde a necesidade de coordinarse para que os intereses e métodos duns non dificulten nin prexudiquen o labor dos outros.

Asistencia ás vítimas e familiares
A xornada vai dar a coñecer todos os corpos e organismos involucrados na resolución deste tipo de emerxencia, así como os seus protocolos e metodoloxías de actuación e un labor fundamental dentro deste tipo de sinistros: a asistencia ás vítimas e os seus familiares.

Durante a mañá, o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Xunta, José Gil de Bernabé, falará sobre a “Capacidade de resposta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ante Sucesos con Múltiples Vítimas” e o subdirector xeral de coordinación e xestión das emerxencias da Generalitat de Cataluña, Sergio Delgado, sobre as “Tarefas desenvolvidas para a atención aos familiares das vítimas no caso do accidente da aeronave da compañía Germanwings”, o pasado mes de marzo.

A directora do Imelga, Beatriz Otero, e o Inspector de Policía Fernando Tartilán abordarán o “Protocolo Nacional de actuación médico-forense e policía científica en sucesos con múltiples vítimas. Guía para a identificación de vítimas de catástrofes”; e a coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), Ana Isabel Martínez Arranz, falará sobre “Os integrantes e funcionamento do GIPCE” e dos “Obxectivos da intervención psicolóxica. Principios de actuación e o Papel e funcións do/da psicólogo/a.”

Guía de Autocoidado para intervenientes en situacións criticas
Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Mª Rosa Álvarez, presentarán aos asistentes a “Guía de Autocoidado para intervenientes en situacións criticas”.

Este manual está confeccionado polo GIPCE para axudar a “comprender as posibles reaccións” dos profesionais despois de verse afectados por un incidente crítico. Divídese en varios apartados que tratan de dar recomendacións individuais e grupais, así como de identificar as reaccións máis comúns e os factores de risco.

Remataranse os relatorios cunha mesa redonda na que estes poñentes comentarán as súas experiencias persoais neste tipo de sinistros. Xa pola tarde, os asistentes farán unha visita ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 que se esta a construír nas inmediacións da Academia de Seguridade Pública, na Estrada.