Monday 25 de November de 2024

Gonzalo Muíños insta ao goberno bipartito a deixar de “botar balóns fora” e solventar os recursos ao contrato do transporte público: “se de verdade teñen vontade, poden resolvelo”


O portavoz dos socialistas aféalle a BNG e Compostela Aberta que falen de “débedas e herdanzas” cando CA “non renovou ningún autobús durante os catro anos do seu mandato”
Muíños defende as melloras que introduce o novo servizo de transporte público e insta ao bipartito a aproveitar a oportunidade: “están desexando sacar a foto ao carón dos novos autobuses eléctricos, para entón non creo que se acorden tanto de nós”.

Logo de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública estimara parcialmente tres recursos contra os pregos de contratación do servizo de transporte público, o goberno adicouse a “botar balóns fora” en lugar de “solucionar algo que en realidade é un trámite”. Así o denunciou hoxe Gonzalo Muíños que se amosou moi crítico coa actitude coa que arranca o novo goberno, “dinamitando pontes de entendemento a través da confrontación”.

Insiste ademais en que non se pode falar de “ineficiencia” como sinalaba nun comunicado o actual goberno local. Muíños alega que os pregos actuais contan co aval “de todos os técnicos” logo de recibir o informe favorable tanto de Servizos, como de intervención, asesoría xurídica e da Oficina Nacional de Avaliación.

O portavoz dos socialistas afeoulle ao bipartito que falen de “débedas e de herdanzas” cando durante os catro anos de goberno de CA “non se renovou ningún autobús”: “débeda foi o que deixou Compostela Aberta con todos os contratos caducados, uns pregos para o transporte que non servían e os autobuses que renovaron durante eses catro anos, que foron un total de cero”. Recorda Muíños que desde o 2015 non se renovou ningún autobús da flota.

“Podemos falar de herdanzas, si, como as luminarias que se están mudando en toda a cidade, as obras que está adxudicando o novo goberno nas xuntas de goberno como a de hoxe, coas obras de García Lorca en Vite, as do Campus Sur, as de Pontepedriña ou a pavimentación en Aradas e Coira” replicou Gonzalo Muíños que instou ao goberno local a “poñerse a traballar” para “sacar adiante un contrato que vai a mellorar, e moito, o servizo de transporte público”.

Máis autobuses, máis accesibilidade e máis frecuencias

Gonzalo Muíños defendeu os pregos para o novo servizo de transporte público que atenden ao que “a veciñanza nos solicitou” incrementando frecuencias, “dando servizo aos polígonos, mellorando as conexións cos barrios e creando unha nova liña para o centro da cidade”.

“Deixámoslle de débeda, como eles din, un contrato que vai a transformar a mobilidade desta cidade” afirmou Muíños tirando de ironía: “están desexando sacar a foto ao carón dos novos autobuses eléctricos, para entón non creo que se acorden tanto de nós”.