A proba deu inicio ao Eusko Label Liga e Euskotren Liga e congregou a 20 equipos esta fin de semana na enseada do Orzán
Os clubes Zierbena Bahías de Bizkaia e Donostia Arrau Lagunak fixéronse coa vitoria na VII e VI Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras, que se disputou este domingo na enseada do Orzán, coa participación de 20 equipos, doce de categoría masculina e oito de categoría feminina. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de entregar as bandeiras aos triunfadores tras as diferentes quendas disputadas.
Na categoría feminina, denominada Euskotren Liga, os equipos participantes percorreron 1,5 millas mariñas, un total de 2.778 metros, no conxunto das quendas. Donostia Arrau Lagunak fíxose coa bandeira cun tempo de 11:58.08 obtendo os 8 puntos na clasificación.
No segundo posto quedou o Tolosaldea, cun tempo de 12:01.32 e 7 puntos e no terceiro o Donostiarra, cun 12:03.76 e 6 puntos na clasificatoria.
Pola súa banda, na categoría masculina, denominada Eusko Label Liga, percorreronse un total de 3 millas mariñas e 5.556 metros. Foi o Zierbena Bahías de Bizkaia o que logrou coller a bandeira cun tempo de 21:45.82, posicionándose como primeiro clasificado. Seguiulle Hondarribia, cun tempo de 21:56.50, obtendo 11 puntos e Getaria, con 22:02.62, con 10 puntos.
A Coruña acolleu, un ano máis, a competición de traiñeiras máis importante, que reúne aos mellores equipos do territorio nacional. Manuel Vázquez destacou “o compromiso de Inés Rey co deporte e coas grandes citas como esta”, que supón ademais “un gran reclamo turístico pola súa repercusión máis alá da cidade”.
A proba foi seguida por numerosas persoas desde o paseo marítimo. Ademais, esta Bandeira Cidade da Coruña foi retransmitida en directo pola TVG e a ETB.