― Continuarán os traballos en execución na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1) e na estrada OU-801, que comunica os municipios ourensáns de Padrenda e Ribadavia
― Tamén proseguirán as actuacións nas marxes da autovía AG-51, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño; e na VG-4.6, que une Cangas e Bueu
― Estas intervencións forman parte no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos
A Xunta iniciará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica AC-549 ao paso polo concello de Noia.
En paralelo, proseguirán tamén os traballos de roza e limpeza que se veñen realizando nas últimas semanas nas marxes doutras estradas autonómicas nas provincias galegas.
En concreto, proseguirán avanzando os labores en execución na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1), ao paso polos municipios de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao.
No caso de Ourense, as tarefas continuaranse na estrada OU-801, que comunica os municipios de Padrenda e de Ribadavia.
Tamén proseguirán as actuacións nas marxes da autovía AG-51, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño; e na VG-4.6, que une Cangas e Bueu.
Control de biomasa
Estas intervencións forman parte do novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.
As intervencións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas, e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
Os obxectivos deste programa son previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.