Saturday 16 de November de 2024

Igualdade defende a necesidade da plena inclusión social das persoas con discapacidade funcional


Susana López Abella participou hoxe na inauguración da Xornada “Asistencia sexual, un dereito para a diversidade funcional”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe que ter acceso á vida sexual é un dereito fundamental de todo ser humano, polo que reiterou a necesidade de axudar entre todos e todas á plena inclusión social en materia de sexualidade das persoas con discapacidade funcional
Susana López Abella participou hoxe na inauguración da Xornada “Asistencia sexual, un dereito para a diversidade funcional” que tivo lugar hoxe na Facultade de Ciencias da Educación, e na que tamén participaron a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante e o presidente de Vigalicia. Foro de Vida Independiente, José Antonio Novóa Romay.

A titular de Igualdade lembrou que fai sete anos, en 2008, que se creou a primeira asociación galega de usuarias e usuarios de asistencia persoal baixo a filosofía da Vida Independente VIGALICIA (Vida Independente de Galicia), na que se traballa na defensa do empoderamento e dos dereitos humanos das persoas con diversidade funcional.

Tanto a afectividade coma a sexualidade deben desenvolverse axeitadamente nos individuos e é necesario intervir en todos os estamentos: as persoas con diversidade funcional, os profesionais, os coidadores, a familia e a sociedade en xeral para conseguilo e axudar a dar resposta ás demandas de intervención, colaborando na visualización e o empoderamiento das persoas con discapacidade sobre a súa sexualidade, a partir da defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos e dende unha perspectiva multidisciplinar.

Por iso, todos os axentes implicados temos que contribuír ao cumprimento de valores como a integridade, a dignidade, a competencia, confidencialidade, responsabilidade e polo respecto aos dereitos humanos e civís das persoas con diversidade funcional, promovendo actuacións acordes as necesidades sexuais particulares de cada persoa, a non discriminación, a igualdade entre homes e mulleres, o respecto á orientación sexual, a participación e inclusión plenas e efectivas na sociedade, a igualdade de oportunidades, o respecto pola diferenza e a aceptación da diversidade, rematou a secretaria xeral.