O programa da cita incluíu, ademais, actuacións musicais, xogos populares e inchables para os nenos e nenas.
Xantar, xogos populares, inchables e música. Eses son os ingredientes da III Festa do Verán en Familia, que se está celebrando, hoxe, na área recreativa da Brexa. O Concello volveu asinar un auténtico éxito de asistencia. Tanto, que só na comida logrou sentar á mesa a preto de 500 veciños e veciñas do municipio.
Como parte do menú, as persoas asistentes puideron elixir entre polbo á feira, churrasco, paella, orella á feira ou xamón cocido. Así mesmo, as persoas participantes tiveron a oportunidade tamén de levar o seu propio almorzo.
Máis aló da parte gastronómica, a celebración inclúe tamén sesión vermú, atraccións de auga, inchables e xogos populares para os pequenos e pequenas da casa.