O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu hoxe á segunda edición da Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos, unha cita que aspira a convertese en referente na comarca de Ferrolterra e nun novo impulso para a hostalería da vila. Esta iniciativa, posta en marcha pola Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos, servirá para amosar a calidade da materia prima que se extrae da ría, aportarlle valor e, ao mesmo tempo, apoiar o bo facer da restauración local e servir de atractivo para os visitantes que chegan nestas datas a esta vila mariñeira coruñesa.
O titular de Mar, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, puido degustar a ameixa á mugardesa, da que está previsto repartir arredor de 2.000 racións coa utilización de 500 quilos de molusco. No que vai de ano as descargas deste bivalvo na lonxa de Mugardos aumentaron máis dun 20% en relación co primeiro semestre de 2022, ata superar as 19 toneladas, e a facturación medrou preto dun 80%, ata roldar os 250.000 euros.