Friday 22 de November de 2024

A Xunta conmemora os valores do cooperativismo nun acto en Narón no que destacou a súa contribución a unha economía galega sustentable e igualitaria


― A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiron o Día galego do cooperativismo celebrado en Agroflor (Narón)

― No acto concedéronse os Premios ao Cooperativismo 2023 a Alén (A Coruña), Enraizando (Ribeira) e Ferrolana de Profesores de Autoescuela (de Ferrol), así como ao alumnado do IES A Guía e da sociedade cooperativa galega Mendiño de Vigo

― Rivo destacou a capacidade deste modelo de negocio para fixar poboación no rural e reforzar o liderado feminino

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina aneiros, presidiu hoxe en Agroflor (Narón) o Día galego do cooperativismo, onde destacou a contribución destas entidades ao desenvolvemento sustentable da comunidade para cimentar “unha economía galega máis igualitaria e equitativa”.
Durante a conmemoración procedeuse á entrega dos premios á Cooperación 2023 -que este ano recaeron en tres entidades da provincia da Coruña Alén (A Coruña), Enraizando (Ribeira) e Ferrolana de Profesores de Autoescuela (Ferrol)- e os do certame Cooperativismo no Ensino 2023 na súa modalidade de proxecto empresarial, que corresponderon ao alumnado do IES A Guía de Vigo e da sociedade cooperativa galega Mendiño, da mesma localidade.
Rivo destacou a contribución do cooperativismo ao fomento de valores como a solidariedade, a primacía dos beneficios sociais sobre a rendibilidade financeira e pola súa capacidade de “fixar poboación no rural” e reforzar o liderado feminino. Na comunidade galega case 29.000 mulleres forman parte destas entidades, das cales preto de 27.000 son socias. “Todos estes valores son o selo de identidade da economía social, un modelo económico que en Galicia coñecemos ben e que representa máis do 7% do noso PIB, o que se traduce nun impacto económico anual importante”, indicou.
A Xunta de Galicia destina este ano 42 millóns de euros para apoiar este modelo económico a través de programas que buscan reconverter, transformar e mellorar empresas de economía social; fomentar a incorporación de persoas desempregadas e ocupadas a cooperativas e sociedades laborais; promover o liderado feminino nestas actividades ou difundir os seus beneficios.
A titular de Promoción do Emprego recalcou que o seu departamento xa iniciou os traballos da II Estratexia Galega de Economía Social , que terá vixencia desde este 2023 ata 2026, e que perseguirá mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades para enfrontar os retos do novo contexto socioeconómico e para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia. O documento apoiará o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable e o seu deseño parte de tres obxectivos estratéxicos que fixan a atención nas persoas (na mellora da súa capacitación), nas entidades (para brindarlles máis capacidade competitiva) e na gobernanza (traballo en rede das entidades).
Entidades e centros escolares premiados
No acto de hoxe entregáronse os Premios á Cooperación 2023 que na categoría de valores cooperativos recaeu en Alén (da Coruña). Constituída en novembro de 2020, esta entidade ofrece servizos de consultaría e formación para entidades, incluíndo proxectos para cooperativas, centros especiais de emprego, fundacións, asociacións e entidades sen ánimo de lucro, ademais de administracións públicas e outras empresas.
O galardón ao mellor proxecto cooperativo foi para Enraizando que, desde Ribeira e cunha andaina iniciada hai 26 meses, desenvolve proxectos que poñen ás persoas no centro. A súa misión artéllase en tres eixos: apoio e acompañamento sensible por e para as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade; xeración de espazos participativos desde os que acompañar os itinerarios de saúde; e espazos de formación e acollida a estudantes e profesionais de calquera parte do mundo.
No caso da mellor traxectoria cooperativa, o premio este ano recoñece o traballo da sociedade cooperativa Ferrolana de Profesores de Autoescuela, decana de España e fundada en 1974, que conta na actualidade con 6 centros de formación que imparten ensinanzas de condución de diferentes especialidades.
No caso de Cooperativismo no Ensino, a conselleira concedeu os premios aos proxectos empresariais cooperativos feitos polo alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. En 2023 resultou gañador nesta modalidade o IES A Guía, de Vigo, por Holística, sociedade cooperativa galega. O accésit recaeu en Sail2day, presentado polas alumnas e alumnos da sociedade cooperativa galega Mendiño, de Vigo.
No acto realizouse, por outra banda, un recoñecemento especial a José Montes, polo seu labor como socio fundador de Feiraco a prol do movemento cooperativo co que mantén vencellos desde hai anos.
Cos todos estes galardóns, o Goberno galego está a impulsar esta fórmula económica e poñer en valor os seus principios entre a sociedade e quere recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando coa súa aposta pola igualdade, a proximidade e a xeración de emprego.