Friday 22 de November de 2024

A Xunta avoga polo papel dos concellos para ofrecer unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres maltratadas


Susana López Abella participa na presentación da Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na presentación da Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

O acto tivo lugar no Concello de Arbo e contou coa presenza do seu alcalde, Horacio Gil, así como do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e a Xefa da Unidade para o tratamento da Violencia de Xénero, Mª Paz Pérez Asorey.

Unha mesa local de coordinación (MLC) é un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración dos dereitos que supón a violencia de xénero.

A guía que hoxe se presentou explica dun xeito sinxelo e práctico os pasos que se deben seguir para a constitución e a o funcionamento sistematizado dunha MLC, como mecanismo útil para a harmonización de todos os axentes e entidades implicadas.

A presidencia da Mesa debe asumila o alcalde/sa do concello -ou concelleiro/a en quen deleguen- e a secretaría asumila a persoa técnica que se designe por parte da concellaría competente en materia de violencia de xénero. A MCL pode ampliar a súa representación, ben de forma estable ou ocasional, contando tamén con representantes do CIM, Policía Local, servizos sanitarios ou centros educativos, entre outros axentes.

Políticas e actuacións para a erradicación da violencia machista
O obxectivo xeral das MLC é promover, no ámbito municipal, políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero. Así, tratarán de mellorar a detección precoz dos casos, optimizar a coordinación dos axentes implicados e ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas. Ademais, mellorará a protección nos casos que presenten alto risco e encargarase de informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á sociedade.

O funcionamento sistematizado destas Mesas xera beneficios a distintos niveis e en todos eles a coordinación e a colaboración son as premisas fundamentais para unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia de xénero. Os beneficios non son só para as mulleres, senón para as entidades implicadas e para a sociedade no seu conxunto.

Dúas liñas de actuación: a prevención e a intervención
Segundo se recolle na guía, as MLC deben seguir dúas liñas de actuación: a prevención e a intervención. A primeira debe ir encamiñada a evitar novas situacións de violencia e impedir que outras xa existentes se cronifiquen. Para iso, poranse en marcha distintas estratexias de sensibilización -especialmente nos sectores máis vulnerables- e actividades de formación para profesionais.

Pola súa banda, a intervención estará marcada pola natureza dos casos, dependendo de si precisan ou non que esta sexa inmediata. Polo tanto, o primeiro paso despois da posta en funcionamento da Mesa será determinar os procedementos comúns de actuación en cada caso, segundo os recursos dispoñibles.

O documento finaliza cunha relación dos recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma, como o Centros de información ás mulleres (CIM); as cinco casas de acollida da Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense; o Centro de Emerxencias de Vigo (Cemvi), ou o Centro de recuperación integral para mulleres vítimas da violencia de xénero (CRI), entre outros.