O Concello presentou, esta mañá, os resultados do proxecto Transit, que serviu para intercambiar experiencias e propostas sobre a materia con países como Suecia, Italia e Grecia.
O goberno local de Abegondo manterá a súa aposta por promover e mellorar as estratexias de mobilidade sostible. Así o concluíu, esta mañá, o alcalde e presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso. Fíxoo na xornada de peche de Transit, un programa no que o Concello participou ao longo do último ano e no que se intercambiaron experiencias e propostas con entidades e institucións de países como Suecia, Italia e Grecia.
A xornada de peche incluíu varias charlas nas que se expuxeron, non só os obxectivos que se buscou conseguir co proxecto, senón tamén os próximos pasos que se darán para estimular a mobilidade sostible. Entre eles, o primeiro edil avanzou que se continuará traballando para crear “máis quilómetros de carril bici e de roteiros cicloturistas, seguindo ou exemplo dá que se inaugurou este ano e que une Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral”. A maiores, seguirase impulsando a execución de novas infraestruturas para uso deportivo como, por exemplo, un pumptrack e un circuíto de descenso, así como un servizo municipal de bicicletas eléctricas para facilitar aos veciños e veciñas o acceso a medios de mobilidade sostible.
A cita contou coa intervención dos técnicos municipais, Mar Carro e Carlos Ameixenda, e do arquitecto municipal, Luís Díaz. A maiores, levou a cabo unha presentación das sendas ecoturísticas da Biosfera. A xornada concluíu coa proxección dun vídeo promocional e con peche musical a cargo do director da Escola Municipal de Música de Abegondo, Diego Moar.
A Unión Europea financiou o programa Transit (Training Paths for Adults on Sustainable Mobility), dotándoo con 302.118 euros. Da cifra, 40.000 destináronse a accións realizadas, directamente, polo Concello de Abegondo.