Friday 22 de November de 2024

Izadas as cinco bandeiras azuis que ondearán neste verán nas praias da Coruña


A concelleira de Medioambiente, Noemí Díaz, destacou a boa calidade dos areais que renovan o distintivo

As praias de Oza, As Lapas, Orzán-Matadero, Riazor e San Amaro contan un ano máis coa súa bandeira azul

Desde esta mañá, as cinco praias da Coruña recoñecidas coa bandeira azul xa ondean co distintivo. A concelleira de Medioambiente, Noemí Díaz, levou a cabo o izado da bandeira azul na praia de Riazor e destacou a boa calidade das praias que este ano renovan a súa bandeira azul. “É un recoñecemento ao traballo da accesibilidade, limpeza e seguridade máis tamén á concienciación medio ambiental da cidadanía que cada vez fai un uso máis responsable dos espazos naturais” explicou a edil.

A bandeira azul é o distintivo co que cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) recoñece aos areais que cumpren os criterios de calidade das aguas e se axustan, ademais, aos estándares sinalados para garantir os accesos e servizos ás persoas usuarias.

A Coruña conta novamente este verán con cinco bandeiras azuis en Oza, As Lapas, Orzán-Matadero, Riazor e San Amaro. “Un gran atractivo turístico para o turismo nacional pero tamén para esa cidade máis sostible cara a que camiñamos, coidando e protexendo o noso mar, peza fundamental da cidade” sinalou Díaz.