Saturday 16 de November de 2024

O Concello promove o ciclo de concertos ‘Enclave de Son’, que afonda nos vínculos entre a música galega e a cubana


O grupo vocal Entrelas actuará este sábado, 1 de xullo, na praza das Conchiñas e no Circo de Artesáns e o domingo 9 de xullo

O Concello promove un novo ciclo de concertos baixo o nome ‘Enclave de Son’. Trátase de tres actuacións do grupo vocal Entrelas que se celebrarán este sábado, 1 de xullo, e o seguinte domingo, 9 de xullo.

O obxectivo do Goberno de Inés Rey con estes recitais é afondar nos vínculos existentes entre a música galega e a cubana. O grupo vocal Entrelas vén de facer unha xira de tres concertos en La Habana no mes de maio e froito desa experiencia buscará crear un repertorio de sinerxías entre ambos estilos e tradicións.

Este ciclo de concertos forma parte do Plan de apoio a entidades musicais que promove oIMCE e está organizado pola asociación cultural 3×4. O grupo vocal Entrelas está integrado por oito voces femininas que levarán a cabo actuacións con arranxos corais de dita tradición musical.

Os dous primeiros concertos serán este sábado, 1 de xullo. O primeiro deles terá lugar ás 12.00 horas na praza das Conchiñas, mentres que o segundo será ás 20.00 horas no Circo de Artesáns. O terceiro será o domingo 9 de xullo, ás 13.00 horas, na sala de exposición do Palacio Municipal de María Pita. A entrada é libre ata completar capacidade.