O polideportivo dos Rosales contará coa presenza de deportistas de Dinamarca, Alemaña, Hungría, Portugal e Reino Unido, ademais dos representantes galegos e españois
Un ano máis a cidade acollerá o Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña. Será este sábado, 1 de xullo, no polideportivo municipal dos Rosales. A edición número 26 deste campionato contará coa presenza de 36 deportistas, con delegacións de Dinamarca, Alemaña, Hungría, Portugal e Reino Unido, ademais da selección de participantes da Federación Española de Halterofilia e dos representantes da Federación Galega de Halterofilia.
O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, acompañado do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiron no palacio municipal de María Pita a representantes de todas as federacións presentes na competición. “Este deporte está moi afianzado na cidade grazas ao labor que desenvolve o Club Halterofilia Coruña e Ferenc Szabó, impulsando a súa práctica desde moi curta idade e favorecendo o crecemento de deportistas que hoxe son referencia a nivel galego e nacional”, sinalou Castro, que tamén destacou o gran apoio co que conta a halterofilia coruñesa por parte do goberno de Inés Rey.
Este venres levarase a cabo a pesada dos e das participantes e mañá, sábado 1, terá lugar a competición no polideportivo dos Rosales. A partir das 09.45 horas comezará a primeira quenda, tendo lugar a segunda a partir das 11.45 horas. Ás 14.00 horas procederase á entrega de premios ás persoas gañadoras.
O desenvolvemento do Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña remóntase a 1996, cando participaron tres países europeos e tres comunidades autónomas do territorio nacional. Desde entón, este campionato non deixou de medrar e hoxe en día conta cun gran prestixio entre as diferentes federacións. No 2019, antes da pandemia, estableceuse a cifra máxima de representantes internacionais, con nove países convidados.