Friday 22 de November de 2024

O pleno de organización do Concello de San Sadurniño celebrarase o martes ás 19:30h


O Concello de San Sadurniño celebrará o pleno organizativo do consistorio na tarde do martes 4 de xullo (o luns 3 é festivo local). Unha sesión fixada para as 19:30h en primeira convocatoria cuxa orde do día vén estrutura en tres partes: unha resolutiva con oito puntos para votación de aspectos tan diversos como a periodicidade dos plenos, as adicacións parciais ou as delegacións que ostentará a Xunta de Goberno Local; outra de control na que, entre outras cousas, se dará conta da constitución de grupos políticos e da organización das áreas de goberno; e, por último, como terceiro bloque temático, a quenda para rogos e preguntas. A sesión será pública e emitirase en directo a través de Facebook.

O primeiro punto da parte resolutiva que se tratará será a aprobación da acta do pleno celebrado o martes pasado no que se sorteou a composición das mesas electorais para os comicios do próximo 23 de xullo, ademais de tomar posesión o concelleiro popular José Luís Hermida Prieto, ausente na sesión constitutiva da corporación. De cara a este mandato no pleno haberá tres grupos municipais: o GM do Bloque Nacionalista Galego composto por sete membros, o GM do Partido Popular formado por tres e o Grupo Mixto, no que se integra o único representante do PSdeG-PSOE.

Deseguido entrarase nas cuestións organizativas propiamente ditas comezando pola periodicidade dos plenos ordinarios, que quedarán fixados, igual que no anterior período, nos últimos xoves dos meses impares ás 19:30h, pasando ao xoves seguinte no caso de que a data de celebración fose inhábil. Os membros da Corporación, agás quen teñan asignadas adicacións parciais, percibirán 100 euros por asistencia, o mesmo importe que por participar en comisións informativas, xuntas de portavoces ou mesas de contratación, non sendo en ningún caso acumulables se as xuntanzas se celebran no mesmo día.

Por outra banda tamén se votarán as delegacións de competencias na Xunta de Goberno Local e a súa composición. O órgano reunirase, como ata agora, os días 1, 11 e 21 de cada mes e quedará conformado por Manolo Beceiro -presidente ademais da Mesa Permanente de Contratación-, por Manolo Varela e pola nova concelleira nacionalista Raquel Piñeiro. A asignación por asistencia ás sesións segue manténdose en 200 euros.

En canto á configuración do executivo local, a entrada de novas caras no goberno implicou tamén unha redistribución das áreas. Neste sentido créase a área de Benestar -incluíndo Servizos Sociais, voluntariado e outras liñas de acción municipal relacionadas con estes ámbitos- que estará ocupada por Mari Carme Muíño. A concelleira será tamén representante municipal no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O edil Manolo Varela seguirá á fronte de Desenvolvemento local e Xestión interna, que se relacionan con cuestións de dinamización económica e territorial e co funcionamento da Administración local. Varela deixa participación veciñal, cuxa xestión pasa agora a Raquel Piñeiro como titular dun novo departamento denominado Participación Veciñal e Axenda 2030 que se ocupará da dinamización do tecido social en canto á súa implicación na vida pública, así como do seguemento e implementación de medidas transversais que aseguren o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU. Piñeiro tamén representará ao Concello no Consello Escolar do CPI San Sadurniño.

Pola súa banda, o concelleiro Manolo Beceiro pasará xestionar Obras e Servizos, que volven agruparse nun mesmo departamento que comprende a xestión de servizos básicos municipais, a coordinación do persoal da área e o mantemento e conservación de infraestruturas.

Araceli Bellas asumirá Cultura, Normalización lingüística, Igualdade e Coordinación das programacións municipais. A proposta que se levará a pleno define a percepción dunha adicación parcial de 1.200 euros brutos pola levanza desta macroárea, que implica a supervisión de que as actuacións municipais en distintos ámbitos -sobre todo aquelas suxeitas a prazos e datas concretas- vaian acompasadas e axustadas tanto ao programa de goberno como aos calendarios de actividades. A outra dedicación parcial, de 1.500 euros brutos, seguirá asignada á alcaldía.

Outro novo membro do Goberno local será Manel Martínez. Asume a área de Deportes como concellaría con entidade propia -no anterior mandato era unha das materias de competencia directa da alcaldía- e co cometido de xestionar o departamento, a programación de actividades e a interlocución cos clubes e entidades deportivas do municipio.

Todas as delegacións que se levarán a pleno o martes pola tarde alcanzan a coordinación xeral de cada área, a definición de estratexias e programas, a participación en xuntanzas e a sinatura de todo tipo de comunicacións, aínda que non a delegación executiva da firma, que corresponde á alcaldía.

Secundino García continuará ostentando a representación institucional do Concello e a xestión de todos aqueles asuntos que non estean delegados en ningunha área.