Coa apertura da mostra da fotógrafa coruñesa Lestonnac Ibáñez arrinca a programación do Orgullo 2023 do Concello
Desde hoxe e ata o 16 de xullo estará na rúa Compostela a exposición ‘Álbum Familiar’, da fotógrafa coruñesa Lestonnac Ibáñez, que celebra os 18 anos da aprobación da Lei de Matrimonio Igualitario en España.
A concelleira responsable da área de Benestar Social, Yoya Neira, inaugurou esta exposición que reflicte a diversidade das familias LGTBI+. “Esta mostra revela que non hai un só tipo de familia, que o importante son os lazos de agarimo e respecto e a vontade de compartir e coidarnos os uns aos outros”, destacou Neira.
A autora da mostra é a fotógrafa e activista coruñesa Lestonnac Ibáñez, formada na Asociación Alexandre Bóveda e membro do colectivo Ollo Atlántico. Desde os anos 90, as fotografías de Ibáñez puideron verse en distintas exposicións individuais e colectivas nas que sempre achegou unha mirada reivindicativa e persoal sobre a visibilización da diversidade.
“Con ‘Álbum Familiar’, tiven o privilexio de poder entrar nas casa destas familias LGTBI+. Vivín momentos, comidas e charlas entrañables. Vin respecto, admiración, tenrura e fixéronme partícipes dela. A miña única intención con este traballo é contalo como eu vivino e conseguir transmitilo”, sinala Ibáñez no texto que acompaña á exposición.
A concelleira destacou a visibilidade da mostra posto que se realiza nun espazo públicocomo a rúa Compostela, onde cada día pasan centos de persoas. “Agora que o matrimonio igualitario cumpre a súa maioría de idade no noso país é importante lembrar o avance que supuxo a súa aprobación na comunidade LGTBIQ+ e visibilizalo ante o público xeral, especialmente fronte a quen o cuestiona”, agregou.