A feira celebrarase o domingo 23 de xullo
A sexta edición da Feira do Gando vacún de Moeche xa ten data. O monográfico celebrarase o domingo 23 de xullo reunindo os postos habituais de todas as citas bimensuais xunto cunha mostra representativa do potencial gandeiro da comarca e do resto de Galicia, sobre todo o relacionado coa crianza de xatos, vacas e bois con carnes da máxima calidade. Para a xornada estanse preparando numerosas actividades paralelas, entre elas a exposición de gando da Asociación de Criadores e criadoras de Rubia Galega (ACRUGA) ou unha exhibición de cans de pastoreo. Ademais tamén se convoca o cuarto concurso fotográfico co que se pretende poñer en valor a través da imaxe tanto o labor gandeiro como o xeito de vida no rural. Este ano, como novidade, incorpórase ao certame unha nova categoría sobre a infancia.
Máis en detalle, no apartado “Foto dunha gandaría” poderase recoller calquera actividade asociada ao traballo cotián que se desenvolve nas granxas, como por exemplo a alimentación dos animais, a limpeza das cortes, o pastoreo, etc. Por outra banda, na categoría “Foto da vida no rural” entrarían aquelas imaxes que transmitan calquera aspecto relacionado co modo de vida nunha contorna agrícola e gandeira, como é o caso de Moeche.
A terceira sección que se introduce este ano no concurso é a denominada “Foto infancia no rural”, orientada principalmente a reflectir como viven e como se relacionan co medio natural as nenas e nenos. As fotografías participantes nesta nova categoría terán que envialas as nais, pais, titores/as, asumindo a responsabilidade que implica a participación en canto á difusión pública de imaxes nas que poden aparecer menores.
Segundo as bases, que poden descargarse desde esta ligazón, as fotos poden mandarse ata o 16 de xullo á conta concellodemoeche@gmail.com. Cada participante só poderá presentar unha única foto para cada categoría -preferiblemente en .jpg- facendo constar no correo o título da obra, a categoría á que opta -Gandaría, Vida no rural ou Infancia- e o nome da autora ou autor. Sobra dicir que as instantáneas deben ser inéditas e contar cunha calidade mínima que permita imprimilas en tamaño folio.
Con todas as fotos recibidas publicarase unha galería na páxina en Facebook do Concello de Moeche para que a xente vote por elas dándolle ao “gústame”. O Concello tamén preparará unha exposición na Nave do mercado o día da VI Feira do Gando vacún. Ao seu carón colocarase unha urna na que tamén se poderá votar pola que máis guste. A que xunte máis “likes” e votos en papeleta levará como premio unha impresión en papel fotográfico enmarcada.
Un xurado formado por persoas do mundo veterinario e do tecido social de Moeche valorará durante a feira as obras concursantes, outorgando un único premio en cada apartado, consistente nun trofeo xunto coa fotografía ganadora imprimida en papel de alta calidade e cun marco que a enxalce. A entrega de premios celebrarase ao sábado seguinte, 29 de xullo, nun pequeno acto que terá lugar no Mercado de Moeche a partir das 12:00h.
A VI Feira do Gando vacún de Moeche arrancará, coma todas as feiras, a primeira hora da mañá do domingo 23 de xullo reunindo en San Ramón os postos habituais. A eles súmaselle unha programación monográfica relacionada co mundo gandeiro que contará cunha exposición de exemplares rexistrados pola ACRUGA -a asociación responsable do libro xenealóxico da Raza Rubia galega- procedentes das comarcas de Ferrol, o Ortegal e a Mariña luguesa.
Ademais, de 12:00 a 15:00 e de 16:00 a 18:00h, rapazada e persoas adultas poderán probar a súa resistencia ao lombo dun touro mecánico instalado no recinto feiral. A última actividade, xa pola tarde -sobre as 17:30h-, será unha exhibición de pastoreo canino ofrecida pola Asociación de Cans de Pastoreo de Galicia (ACAPAGAL).