Despois do éxito das edicións pasadas, o Concello de Carballo quere dar continuidade ao proxecto “Eu quero Razo – Baldaio”, que pretende crear hábitos de turismo consciente no litoral de Carballo. Para iso contaremos de novo coas entidades que veñen desempeñando accións relacionadas coa sustentabilidade da nosa costa. Tanto o Concello como as entidades colaboradoras neste proxecto buscamos a valorización do contorno co obxectivo de que canto máis se coñeza máis se respecte.
Neste ano tamén queremos formar parte da homenaxe a O Xestal, unha persoa comprometida coa protección da nosa marisma de Baldaio, ademais de veciño da nosa parroquia de Lema. Realizaremos unha figura en madeira que esperamos teña presenza polos anos no noso litoral.
Incorporamos ademais unha Ruta andando a Razo desde Carballo que esperamos sirva para que a nosa veciñanza coñeza este novo xeito de chegar ao noso mar.
PROGRAMA 2023
A maioría das accións programadas requirirán de preinscrición. Os grupos serán moi reducidos debido á sensibilidade da contorna e ao uso sustentable que queremos promover na mesma.
A grande maioría das accións realizaranse todos os mércores e sábados, ademais de algún domingo puntual. As persoas participantes deberán achegarse polos seus propios medios ao punto onde se desenvolverán as actividades.