Saturday 16 de November de 2024

Encontro de traballo entre Martínez Sanjurjo e o presidente de Sogama


Tras a xuntanza concretouse a inclusión do Concello de Ordes no programa de compostaxe doméstica. Poderán participar 50 persoas que contarán de balde con asesoramento e supervisión
Ordes 23 novembro 2015. José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, mantivo recentemente unha xuntanza de traballo co director de Sogama, Javier Domínguez Lino. Un encontro no que se concretou a inclusión do concello ao programa de compostaxe doméstica promovido pola compañía pública medioambiental, cuxo principal obxectivo é reducir a produción de lixo doméstico, pechar o ciclo da reciclaxe e aforrar custos.
“Trátase dunha medida dirixida a todas e todos os veciños e veciñas que queiran elaborar compost para uso particular, substituto de alta calidade de fertilizantes e que non lles suporá custo ningún” manifesta o edil de Ordes. “Ademais deste xeito pódense reducir considerablemente os residuos orgánicos que cada familia xera, conseguindo así eliminalos da liña de xestión de tratamento”.
Tras concretar os detalles desta iniciativa farase entrega de 50 composteiros de 340 litros de capacidade cada un, fabricados con material reciclado e reciclable, que se distribuirán entre outras tantas vivendas unifamiliares do municipio que dispoñan de horta ou xardín, posibilitando desta forma a posterior aplicación, como fertilizante natural de alta calidade, do compost obtido. A mesma Sociedade encargarase de impartir aos participantes un curso específico de formación no que explicará a iniciativa e proporcionará as pautas a seguir para lograr un fertilizante de alta calidade. Tamén se entregará un manual didáctico complementario no que se explican os pasos a seguir, clarificando as dúbidas máis frecuentes e rexistrando os erros máis comúns e a forma de resolvelos.
Asesoramento individual
O programa inclúe a supervisión do proceso por parte de persoal do propio Concello. Casa por casa visitarán ás familias participantes para comprobar a técnica desenvolvida polos usuarios e usuarias, avaliar o traballo realizado e solucionar as posibles incidencias.
O equipo de goberno local pretende posibilitar a reciclaxe e recuperación in situ da materia orgánica producida nos fogares, medida que supoñerá beneficios ambientais, sociais e económicos. A factura que se aboa á entidade vese reducida grazas á autocompostaxe debido a que se reduce tanto a frecuencia de recollida como a tonelaxe de lixo depositada.
A día de hoxe, e desde o ano 2010, Sogama repartiu máis de 4.700 composteiros entre diferentes entidades galegas tales como concellos (máis dun cento), centros escolares e colectivos sociais.