O Centro de Investigación en Tecnoloxías (CITIC) da Universidade da Coruña foi a entidade galardoada este ano
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asegurou hoxe que o Goberno galego seguirá estando ao carón das entidades e apoiándoas no que precisen para continuar avanzando na atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias. Díxoo na II Xuntanza do movemento asociativo do Dano Cerebral Adquirido (DCA) celebrado hoxe na Cidade da Cultura e durante o que se fixo entrega ao Centro de Investigación en Tecnoloxías (CITIC) da Universidade da Coruña do XI Premio Miguel Blanco que outorga Fegadace.
Begoña Abeijón felicitou ao CITIC pola distinción recibida e puxo en valor o traballo desta entidade e das asociacións que forman parte de Fegadace na mellora da calidade de vida das persoas con DCA e das súas familias. Así mesmo, reiterou o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade, que este ano conta cun orzamento récord que supera os 165 millóns de euros, un 16% máis que o exercicio pasado. Unha maior dotación económica que permite seguir ampliando a rede galega de atención temperá, incrementar as prazas de atención diúrna e residencial ou poñer en marcha novas liñas de axuda para mellorar os centros das entidades ou para que poidan renovar os seus vehículos adaptados.
A directora xeral tamén fixo fincapé na importancia deste tipo de xuntanzas para dar máis visibilidade e concienciar á sociedade en xeral sobre a situación das persoas que sofren Dano Cerebral Adquirido, así como para que estas e as súas familias teñan unha nova ocasión para compartir experiencias.