Este xoves tivo lugar en María Pita o pleno de organización, onde se deu conta do organigrama das áreas de xestión municipal e a configuración da Xunta de Goberno Local
A corporación municipal levou a cabo hoxe en María Pita o pleno de organización no que se declarou a constitución dos grupos municipais da nova Corporación, conformada polo Partido Socialista (PSOE), Partido Popular (PP) e Bloque Nacionalista Galego (BNG).
No pleno expúxose a configuración do novo Goberno municipal, presidido por Inés Rey, que se organiza baseándose a tres grandes áreas:
● Área de Economía e Planificación Urbana (dirixida polo voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage): Economía, Oficina Orzamentaria e Facenda, Recursos Humanos, Patrimonio, Contratación, Concesións municipais, Fachada marítima, Desenvolvemento industrial e actividade comercial portuaria, Intervención, Tesourería, Planificación e calidade dos servizos, Xestión Tributaria.
○ Concellería de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas (Nereida Canosa): Innovación e desenvolvemento tecnolóxico, Cidade das TIC e AESIA, Mobilidade e Infraestruturas, Transporte, Estación de Autobuses e Parque Móbil Municipal.
○ Concellería de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda (Francisco Díaz Gallego): Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Edificación, Ruínas, Espazos Públicos.
○ Concellería de Medio Ambiente (Noemí Díaz): Medio Ambiente, Sanidade, Xestión de residuos e limpeza viaria, Cemiterios e servizos funerarios, Saneamento, tratamento e depuración de augas residuais, Benestar animal.
○ Concellería de Atención Cidadá e Seguridade (Montse Paz): Interior e atención cidadá, Informática, Seguridade cidadá, Tráfico.
● Área de Benestar Social (dirixida pola concelleira Yoya Neira): Servizos Sociais, Igualdade, Participación cidadá, Mocidade, Diversidade, Planificación familiar, Loita contra a violencia de xénero.
○ Concellería de Educación, Emprego e Relacións Institucionais (Juan Ignacio Borrego): Educación, Emprego e Relacións Institucionais.
● Área de Fomento e Promoción da Cidade (dirixida polo concelleiro Gonzalo Castro): Cultura, Festas, Bibliotecas, Museos Científicos, Memoria democrática, Arquivo histórico municipal, Arquivos administrativos, Promoción da lingua.
○ Concellería de Deportes (Manuel Vázquez): Promoción do deporte, Instalacións deportivas, Promoción da vida saudable.
○ Concellería de Turismo, Comercio e Hostalería (Diana Cabanas): Turismo, Comercio, Mercados e Hostalería, Consumo.
A alcaldesa, ademais, asumirá directamente as áreas de Barrios e proxectos europeos.
A este respecto, o pleno municipal aprobou hoxe por unanimidade os acordos organizativos dos órganos superiores colexiados do Concello para este mandato.
En primeiro lugar, resolveuse que a periodicidade das sesións ordinarias do pleno municipal terán lugar todos os primeiros xoves de cada mes, ás 10.00 horas, co mes de agosto inhábil a respecto da realización das sesións.
Ademais, deuse luz verde á constitución das comisións informativas do pleno, que abranguen oito órganos de carácter ordinario (Comisión de voceiros dos grupos municipais, Comisión de Economía, Facenda, Planificación Urbana e Administración Xeral; Comisión de Benestar Social, Comisión de Fomento e Promoción da Cidade, Comisión de Mobilidade, Comisión de Transparencia, Comisión de Suxestións e Reclamacións e Comisión de Honras e Distincións). Haberá, por outra banda, catro comisións informativas de carácter especial (Comisión Especial da Fachada Marítima, Comisión Especial da Área Metropolitana, Comisión Especial da Axenda Urbana e Comisión Especial de Bibliotecas).
Cada comisión estará integrada por unha persoa representante de cada grupo municipal ou partido político dos tres que obtiveron representación nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio.
O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor esta configuración: “Este acordo forma parte dun diálogo co conxunto de grupos municipais da Corporación, para abordar unha organización, tanto desde o Goberno municipal como na oposición, que facilita que a cidade conte con representantes que poidan facer o seu labor de dedicación ao servizo público”, explicou.
As Xuntas de Goberno Local celebraranse cada 14 días, en mércores
Ademais, no Pleno de organización tamén se deu conta da configuración das e dos membros que conformarán a Xunta de Goberno Local, integrada polos concelleiros e concelleiras José Manuel Lage, Yoya Neira, Gonzalo Castro, Nereida Canosa, Francisco Díaz Gallego, Noemí Díaz, Diana Cabanas e Juan Ignacio Borrego.
Está previsto que as sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local teñan lugar cada 14 días, os mércores ás 09.45 horas.
Unanimidade nas retribucións da Corporación municipal
Os grupos aprobaron por unanimidade tamén o réxime de retribucións do persoal membro da Corporación.
O réxime de retribucións establecido para as e os concelleiros dos grupos municipais, sexan ou non membros do Goberno, establece unha contía de 64.582 euros brutos anuais, de 51.666,19 euros brutos anuais para os que asuman un réxime de dedicación parcial do 80 % da xornada laborable e de 32.291,37 euros brutos anuais no referente á dedicación parcial do 50 %.
No caso do Partido Popular contémplanse tres dedicacións exclusivas, dúas do 80 % da xornada e sete do 50 %. No caso do BNG serán dúas exclusivas e dúas do 80 %. No caso do Goberno municipal (PSOE) haberá sete dedicacións exclusivas. Ademais, os tres concelleiros con grandes áreas ao seu cargo que percibirán 69.582 euros. A alcaldesa percibirá 75.200, un 20 % menos do máximo que fixa a lei para os alcaldes e alcaldesas de cidades entre 150.000 e 300.000 habitantes.