O Concello de San Sadurniño dedicou ao proxecto 160.000 euros sufragados co Plan Adicional da Deputación
A construtora José No Mantiñán e Hijos rematou a comezos desta semana os traballos de mellora da principal estrada que conecta Ferreira de Abaixo co fondo de Moeche. Unha vía que agora dispón dun ancho maior e de novo firme aglomerado para ofrecer unha mellor adherencia, máis comodidade na marcha e tamén máis seguridade. O investimento total ascende a 160.930 euros financiados co Plan Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña. O remate desta obra coincide no tempo coa última fase da reparación da pista entre A Chabola e a capela de San Cristovo, que levará unha senda peonil, e coa licitación de novos proxectos viarios, entre eles o aglomerado do eixo que vertebra Cornide.
O tramo xa renovado arranca no lugar da Camba, en Ferreira, xusto no cruzamento coa DP-7601 e chega ao lugar de Vigo, en Moeche, pasando por territorio de Lamas. Son 2.140 metros de distancia aos que se lle deu un ancho uniforme de 5,2 metros conseguidos ganándolle terreo ás beiravías, onde foi necesario facer antes unha limpeza en profundidade, instalar conducións de drenaxe de pluviais e, en certos puntos, incluso construír novas bases para retranquear a situación de varios colectores do lixo.
As operacións iniciáronse coa retirada de terra e vexetación das cunetas e, inmediatamente despois, proseguiron coa corrección de fochancas e desniveis pronunciados antes de extender o novo firme aglomerado, algo que se fixo a semana pasada. O ramo á obra púxoselle antonte mesmo co pintado da sinalización horizontal.
A estrada entre a Camba e a Ponte do Sur é a principal vía de comunicación polo sur entre San Sadurniño e Moeche. Nun principio ambos consistorios tiñan previsto suscribir un convenio nominativo coa Deputación da Coruña para que o ente provincial sufragase o 80% da reparación de toda a estrada, que mide 4,07 quilómetros repartidos case metade por metade entre os dous concellos. Finalmente os executivos locais decidiron incluír cadanseu proxecto para a reparación integral da vía dentro do Plan Adicional 02/2022, de maneira que a achega provincial cubrise o 100% dos custes. Ademais, tamén se coordinaron os procedementos de licitación e a execución da obra coa finalidade de que todo o trazado quedase listo ao mesmo tempo, algo que ocorreu a comezos desta semana.
Outras obras xa rematadas ou de comezo inminente
A finalización das obras na pista que discorre por Ferreira, Lamas e parte do fondo de Moeche cadra con outro proxecto tamén adxudicado a José No Mantiñán e Hijos para aglomerar e formar unha nova senda peonil entre A Chabola e o Chao de San Cristovo. Á obra, cifrada en 82.885 euros, impostos incluídos, só lle falta neste momento a cobertura da beiravía que enlazará a estrada provincial DP-7601 coa explanada da capela, onde se celebrarán as festas patronais na fin de semana do 8 e o 9 de xullo. O Concello conta telo todo rematado en cuestión de días.
Por outra banda, na plataforma de contratación co sector público encóntranse publicadas as licitacións dos proxectos de pavimentación dos camiños do Pico e O Chao, en Ferreira, o do Vilar (Igrexafeita) e o de Orxás, en San Sadurniño, cun orzamento próximo aos 58.000 euros. Tamén figura a licitación do aglomerado da pista principal de Cornide, duns 800 metros de lonxitude, orzamentada en 61.472,85 euros. En ambos casos os procedementos están na fase de avaliación, polo que poderían adxudicarse en breve.
O Concello tamén prevé publicar a primeiros de xullo a contratación do proxecto acollido ao Plan de Camiños da AGADER -72.812€-, co que se aglomerarán e repararán pistas na zona da Abelleira e Racamonde, en Naraío.