O Concello recibiu 22 solicitudes de preinscrición e segue habendo prazas dispoñibles para iniciación e perfeccionamento
O departamento municipal de Deportes xa ten preparada a programación de cursos que se van desenvolver na piscina dos Currás os mércores e venres polas mañás. Despois de abrir o pasado 12 de xuño o período de preinscrición, foron un total de 22 persoas as que botaron solicitude, na súa maioría nais e pais para anotar a rapazada que se integrará nos grupos de iniciación e perfeccionamento. As actividades estarán coordinadas por SEDEGA -responsable tamén do socorrismo- e comezarán o mércores 5 de xullo. Quen queira sumarse a esta proposta a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe aínda está a tempo de facelo anotándose na Casa da Cultura.
Este ano os cursos van desenvolverse os mércores e venres en horario de 11:00 a 13:00h ambas xornadas. O Concello distribuiu dentro desa franxa xeral os distintos niveis, empezando por Perfeccionamento entre as 11:00 e as 11:45h.
Posteriormente, de 11:45 a 12:30h, entrará no vaso o grupo de Iniciación 2, formado por nenas e nenos -ou persoas adultas- que xa estean familiarizados coa auga e sexan capaces de aboiar por si ou incluso nadar ao seu xeito.
Por último, de 12:30 a 13:00h desenvolverase o curso de aprendizaxe propiamente dito, Iniciación 1, pensado para a rapazada máis noviña e para quen non saiba nadar.
Para inscribirse nos cursos hai que rexistrar a solicitude e efectuar o pagamento da taxa, que pode facerse con tarxeta na Casa da Cultura no momento de entregar alí os papeis. Outra opción é domicilialo no banco ou pagar mediante transferencia. Na Casa da Cultura, ademais, poden presentarse as solicitudes de abonos de temporada, que desde esta semana están dispoñibles tamén para persoas non empadroadas en San Sadurniño (ata o día 23 de xuño só podía solicitalos a veciñanza do concello).
Os prezos xerais das entradas individuais, dos abonos e dos cursos poden consultarse na web municipal sansadurnino.gal.