O pasado día 22 de xuño foi un día moi especial para a comunidade educativa do Divino Maestro da Pobra, posto que celebraron o Acto de Graduación das promocións 2021/23. Un total de 40 estudantes conseguiron egresar a través das diversas titulacións que oferta este centro de Formación Profesional localizado na Pobra do Caramiñal: título de técnico en xestión administrativa, técnico básico en servizos administrativos e certificados de profesionalidade. O claustro de profesorado quixo parabenizar e recoñecer a todo o alumnado que conseguiu completar a súa formación e, ademais, tamén destacou o compromiso e apoio de todas as familias.
Antes de proceder á imposición de bandas, tomaron a palabra a directora pedagóxica do centro, Chefa Bretal, quen incidiu na importancia “da formación continua ao longo da vida para acadar melloras laborais”. Así mesmo, o profesorado representante que interviu no acto, Beatriz Santos e Enrique Domínguez, quixo animar ao alumnado a continuar a súa formación para mellorar a súa empregabilidade.
No acto tamén tomou a palabra Aida Rey, madriña das promocións e coordinadora de almacén e expedicións na multinacional DS Smith. Rey aproveitou a ocasión para poñer en valor a formación como palanca de cambio, personalizándoo no seu caso particular. A madriña destacou que a súa preparación académica en Formación Profesional lle axudou a conquerir un posto de traballo de responsabilidade nunha gran empresa.
Finalmente, a sorpresa da noite chegou coa conexión en directo das alumnas Raquel e Iraida (do ciclo medio en Xestión Administrativa), quenes están facendo as súas prácticas non laborais en Italia grazas ao programa Erasmus+ co que conta este centro de Formación Profesional. Apoiándose nunha breve presentación, as estudantes contaron como están vivindo esta experiencia e os lugares que xa visitaron: Bolonia, Pisa, Roma, Cidade do Vaticano, Venecia, Nápoles, Siena, etc. Ambas as dúas incidiron na idea de que esta experiencia supuxo un gran en enriquecemento persoal e profesional. Ao remate deste acto, e tras a imposición de bandas, a coral Abrente clausurou a graduación cunha peza musical en directo.
Para concluir a xornada, o alumnado e profesorado compartiu un cóctel na Cantina do Náutico da Pobra do Caramiñal.