O Concello de Boqueixón vén de mellorar a calidade de subministro eléctrico en tres localidades da parroquia da Granxa: Ardilleiro Grande, Ardilleiro Pequeno e A Granxa. Unha actuación orzamentada en case 70.000 euros e que consiste na reforma da rede aérea de baixa tensión desde o centro de transformación de Ardilleiro, que pasa de contar cunha única saída a dispoñer de tres saídas de baixa tensión.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, explica que “seguiremos traballando para mellorar a calidade do subministro eléctrico naquelas zonas do concello nas que sexa necesario”. As obras, acometidas por Naturgy, supuxeron o cambio de 2.474 metros de cabreado entre o centro de transformación de Ardilleiro e a rede de baixa tensión que dá servizo ás vivendas desta parroquia. Así mesmo, cambiáronse sete postes que estaban en mal estado.