Saturday 16 de November de 2024

A Banda Municipal de Música actúa mañá na praza de San Andrés, co coruñés José Javier Bascoy como director convidado


Bascoy levará a batuta da agrupación no concerto ‘Músicas de alma folclórica’, que pecha a programación estival de xuño. O ciclo de verán da BMMC volverá no mes de agosto, con máis actuacións ao aire libre

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) pecha este xoves 29 a súa programación mensual de concertos do seu ciclo de verán ‘Músicas na rúa’, que abrangue actuacións ao aire libre e abertas ao público en diversos puntos da cidade durante esta tempada estival.

Mañá, a partir das 20.00 horas, a agrupación volverá á praza de San Andrés para ofrecer ‘Músicas de alma folclórica’, un concerto que comezará coa interpretación de ‘El caserío’, unha zarzuela de comezos do século XX escrita por Federico Romero e Guillermo Fernández-Shaw, con música de Jesús Guridi, e que se estreou no Teatro da Zarzuela de Madrid o 11 de novembro de 1926.

Será o punto de partida dunha actuación na que as e os profesionais da Banda interpretarán un total de cinco pezas de compositores nacionais como Joaquín Turina, Tomás Blanco, Antón Alcalde e José Manuel Encinoso.

Ademais, o concerto terá un carácter especial por ser o coruñés José Javier Bascoy odirector convidado que levará a batuta. Bascoy é, actualmente, o tenente músico da Unidad de Música da División San Marcial, adscrita ao Cuartel Xeral Militar de Burgos.

A programación do ciclo de verán da BMMC volverá no mes de agosto

Tras a conclusión da súa programación estival asociada a este mes de xuño, que incluíu actuacións en San Andrés e no Centro Sociocultural Ágora, a Banda Municipal de Música levará a cabo unha parada durante o mes de xullo para retomar, xa en agosto, o ciclo de verán con novos concertos para toda a cidadanía e en espazos abertos nos barrios