Saturday 16 de November de 2024

Feijóo salienta que o vehículo autónomo deseñado polo Grupo PSA acredita o alto nivel do traballo que veñen desenvolvendo Galicia e o CTAG no eido da condución automatizada


Explica que este vehículo é resultado do traballo conxunto entre PSA e o CTAG, ao que lle correspondeu desenvolver as tecnoloxías de interacción entre o condutor e o automóbil, o chamado programa HMI

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o vehículo autónomo deseñado por PSA Peugeot Citroën acredita o alto nivel do traballo que veñen desenvolvendo Galicia e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) no eido da condución automatizada. Así o manifestou logo de participar nun treito do traxecto de proba organizado pola empresa entre O Porriño e Madrid.

O mandatario galego explicou que este vehículo é resultado do traballo conxunto entre o CTAG e PSA, que puxeron en marcha en 2014 a primeira unidade mixta de investigación impulsada pola Xunta entre unha empresa multinacional e un centro tecnolóxico galego. Unha unidade á que lle correspondeu desenvolver as tecnoloxías de interacción entre o condutor e o automóbil —o chamado programa HMI—, para o que contou cun investimento da Xunta de 1,5 millóns de euros.

Feijóo destacou o éxito desta colaboración, e sinalou que PSA acertou ao confiar na tecnoloxía galega, porque queda acreditado que “Galicia non so é un bo lugar para construír automóbiles, que o é; non só é un bo lugar para deseñar e construír as pezas e os accesorios para os vehículos, senón que tamén é un bo lugar para aproximarnos ao futuro da automoción”.

A este respecto, o titular da Xunta agradeceu que este centro tecnolóxico puxese a ‘Marca Galicia’ dentro do “vehículo intelixente con máis proxección” que se está a construír nestes momentos en Europa. Con este prototipo reafírmase o traballo o CTAG e o seu Centro de Excelencia para Vehículos Intelixentes, no que a Xunta leva investidos 10 millóns de euros.

Unha proba de forza da industria galega da automoción
PSA, cos catro prototipos de coche autónomo que deseñou, é o primeiro fabricante europeo en obter —en xullo de 2015— as autorizacións necesarias para rodar estes modelos autónomos en estrada aberta. Nesta liña, quixo agradecer á DXT a confianza amosada na ‘Marca Galicia’, o que permite que un vehículo destas características poida circular pola rede de estradas española.

A industria da automoción, concluíu, amosa cada día que a innovación é a grande aliada da seguridade viaria. Nese camiño, estanse producindo avances cada vez máis valiosos e a un ritmo cada vez máis rápido.