Friday 22 de November de 2024

A Coruña volverá converterse no último trimestre do ano na capital da ópera coa Tempada Lírica


“Aida” e “Roméo et Juliette” serán dous dos títulos esenciais do repertorio programado, que inclúe a estrea de “Il ritorno d’Ulisse in patria”

Gonzalo Castro destaca o salto de calidade da programación e a posta a disposición dos principais espazos escénicos municipais

A programación da Tempada Lírica inclúe máis de trinta actividades

A Coruña volverá converterse en referencia e capital da ópera coa próxima Tempada Lírica que, promovida por Amigos da Ópera, co impulso do Concello da Coruña, desenvolverase no último trimestre deste ano. Catro óperas, dous concertos, recitais, cursos de interpretación vocal e ata un total de trinta actividades conforman a programación da Tempada Lírica, que por segundo ano consecutivo conta co tenor Aquiles Machado como director artístico.

Esta importante cita musical organizada pola asociación decana no noso país reunirá desde o 12 de setembro ata o 16 de decembro algúns dos títulos e artistas máis destacados do panorama nacional e internacional, mantendo así o seu prestixio como referencia entre os profesionais, espectadores e melómanos en España.

Durante a presentación da programación da Tempada Lírica, o concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, destacou o salto cualitativo que experimenta o festival operístico así como a implicación do Goberno de Inés Rey, coa cesión dos principais espazos escénicos do Concello, ademais de poñer ao dispor a rede de centros cívicos para albergar outras actividades complementarias.

Amigos da Ópera da Coruña celebra este ano o seu 71 aniversario e faino recuperando aópera representada no Palacio da Ópera, que acollerá os días 14 e 16 de setembro un dos títulos máis celebrados do repertorio: “Aida”.

Dous títulos esenciais do repertorio poñeranse en escena esta tempada. O primeiro será “Aida”, no Palacio da Ópera, espazo ao que se regresa tras máis de cinco tempadas respondendo ás peticións de persoas socias e afeccionadas á ópera. E do 27 e 29 de setembro o Teatro Colón acollerá a representación de “Roméo et Juliette”.

No mesmo escenario representarase no mes de novembro a ópera barroca “Il ritorno d´Ulisse in patria” a cargo de Ensemble I Gemelli que estreará na Coruña a obra de Monteverdi antes da súa chegada ao Teatro Real de Madrid.

A última das óperas que se subirá ao Teatro Colón será “Oca”, unha montaxe para todos os públicos, pero pensada especialmente para a xentiña máis pequena, asinada polo compositor galego Juan Durán.

Un cartel que se completará cos concertos que se realizarán no Teatro Rosalía de Castro.
Tras a inauguración da tempada con Luís Pousado acompañado ao piano por Miquel Ortega dentro do ciclo “Os nosos intérpretes”, en novembro a soprano Francesca Aspromonte ofrecerá un recital acompañada ao piano por Domenico Codespoti.

A tempada finalizará o 16 de decembro co concerto da gran diva Aida Garifulina no Teatro Colón coa Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida polo mestre Pérez Sierra

Ao longo dos tres meses desenvolverase unha completa programación con máis de 30 actividades entre as que se inclúen homenaxes ao redor dos aniversarios que este ano se viven na Coruña e no mundo da ópera. Así, a Tempada Lírica únese ás homenaxes a Picasso no ano no que se cumpre medio século do seu falecemento, utilizando para iso un grafismo especial, e do mesmo xeito lembra o centenario de dúas grandes divas da ópera: Victoria de los Ángeles e María Calas, xa que ao redor da súa figura e traxectoria desenvolveranse unha exposición, proxección de ópera e conferencias.

Da mesma maneira, séguese apostando polos novos talentos operísticos a través dos concertos de lírica inclusiva, en centros cívicos da cidade, novas voces galegas e o curso de interpretación vocal que este ano impartirá de novo Mariella Devia.

Tamén se volverá programar a actividade escolar “Ópera para nenos” que o ano pasado reuniu a máis de cincocentos nenos e nenas e que aproximará a lírica a estes futuros espectadores, descubríndolles os segredos dun mundo no que a música se une coa historia
e a imaxe.

As entradas para o público en xeral póñense á venda a partir do 13 de xullo, no servizo de venda de entradas de ataquilla.com, e no quiosco da praza de Ourense, así como nos despachos de billetes dos espazos nos que se realicen os eventos. Os socios da Asociación Amigos da Ópera poderán retirar as súas entradas e abonos a partir do luns 3 de xullo, nas oficinas da entidade situadas no edificio Atalaia, avenida do Porto da Coruña, 6.

A Tempada Lírica conta, ademais do apoio do Concello da Coruña, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Goberno de España, a través do Inaem.