Thursday 21 de November de 2024

Cerdido recupera o programa cultural de difusión artística e artesanal ‘Unha obra, unha mirada’ para achegar a arte ao rural


• Realizaranse exposición mensuais, con diferentes artistas, en diferentes dependencias municipais

• A primeira exposición correrá a cargo de Xosé Iglesias, pintor, escultor e poeta de Cee

O Concello de Cerdido recupera o programa cultural de difusión artística e artesanal ‘Unha obra, unha mirada” para achegar á poboación rural creacións culturais a través de dependencias públicas.

Como xa se fixo co anterior gobernó popular, expoñeranse en diferentes edificios públicos do municipio unha ou varias obras de artistas e artesáns durante un mes enteiro, a través de diferentes disciplinas como o debuxo, a pintura, a escultura, gravados, fotografía, cerámica, textil, madeira, vidro, coiro, cantería…

A primeira exposición correrá a cargo de Xosé Iglesias, que presentará a súa obra desde este xoves ata o 31 de xullo na Casa do Concello. O autor, mariñeiro universal e polífacético artista de Cee, destaca polo seu traballo de pintura, escultura e os seus libros de poesía, como por exemplo “Nación Mar” ou “Atlántico Norte, chamádeme Ismael”. En toda a súa obra prima o mar como protagonista, debido ao seu vínculo desde que era neno.

Segundo apunta o alcalde de Cerdido, Alberto Rey, “retomamos este proxecto, que xa se levaba a cabo co anterior goberno do Partido Popular, para difundir a obra de todo tipo de creadores da comarca e de Galicia, coa intención de promocionar o talento local”.

O rexedor engadiu que “a través deste tipo de iniciativas tratamos de achegar a arte e a cultura ás zonas rurais, tratando de equilibrar as prestacións e os servizos coas zonas máis urbanas”.
O horario para visitar a exposición no Concello será de 08 h a 14:30 h.