As escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños acollen ao longo desta semana unha serie de simulacros simulando unha situación de emerxencia co fin de mellorar a seguridade dos escolares e dos profesionais do centro. Os concelleiros de Educación, Míriam Louzao, e de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, asistiron ao simulacro que tivo lugar esta mañá na EIM de Conxo, no que participaron preto e 70 nenos e nenas.
Os simulacros, que se levan a cabo coa actuación coordinada da Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, os técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís e o seu alumnado, permiten poñer en práctica un traballo eficaz de coordinación para implementar os protocolos de seguridade dos centros para nenos e nenas de curta idade. En total, máis de 250 escolares participarán esta semana nestes tres simulacros que continuarán con dúas novas sesións mañá, 28 de xuño, ás 10 na escola de Fontiñas e ás 10:30, na de Meixonfrío-Salgueiriños.
Durante o desenvolvemento dos simulacros, plantéxase unha situación de emerxencia como é un pequeno incendio no comedor ou noutra estancia especialmente significativa da escola, o que desencadea a actuación de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.
Con respecto á cativada, no caso dos que andan, búscase que aprendan a actuar en caso de situación de perigo recoñecendo os sinais de emerxencia e que, ante estes, se agrupen e sigan as instrucións da profesora ou profesor, que será quen dirixa na práctica o operativo.
Ademais, este tipo de actuacións teñen por obxectivo a aproximación dos servizos de seguridade de Santiago á cidadanía compostelá, promovendo hábitos saudables e de conducta cívica dende as idades máis temperás.
A Rede Municipal de Escolas Infantís conta cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares do Departamento de Educación.