A axenda turística da Pobra do Caramiñal para este verán conta cunha forte compoñente marítima. A concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela, anuncia que se volve apostar pola ruta do mexillón coa colaboración, un ano máis, da empresa Oceanic Arousa Tours.
Esta actividade súmase así á oferta coa vista posta no mar: travesías en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, viaxes en veleiro pola ría da Arousa, xornadas de turismo mariñeiro e Semana do Mar.
O obxectivo principal desta proposta é aprender sobre o proceso do cultivo do mexillón e a importancia deste sector no ámbito socioeconómico na ría arousá a través dunha aproximación ás bateas. Ademais, durante a navegación en lancha, haberá ocasión para contemplar de preto a illa de Rúa e a do Areoso.
As saídas efectuaranse aos xoves dos meses de xullo e agosto, na quenda de mañá (ás 11.00 horas) e na de tarde (ás 16.00 horas), cunha duración de tres horas. O importe para desfrutar desta experiencia establécese nos 25 euros por persoa adulta e nos 15 euros para menores de 10 anos.
As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa a través dalgunha das seguintes vías: na oficina de información turística -situada na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 e 981843280 (marcando a extensión 2035).