Durante dous días reuniranse socios, expertos, staktholders e novos embaixadores do proxecto AYCH co obxectivo de crear sinerxias na procura de solucións a problemas que existen a día de hoxe na área atlántica.
Durante os días 27 e 28 de xuño estase a desenvolver na capital europea o evento de capitalización “AYCH Brussels Final Summit”, a el asiste a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela así como outros socios galegos do proxecto como son a Fundación Galicia Europa e a LugOpen Factory.
Ao longo destos días celebrarase o último comité de xestión, farase presentación da metodoloxía educativa sobre o emprendemento creativo coa que se traballa a través deste programa e daranse conta dos resultados deste proxecto que está a piques de rematar.
O proxecto europeo AYCH (Atlantic Youth Creative Hubs) ten como obxectivo principal potenciar o emprendemento creativo entre a mocidade menor de 30 anos residente nos países da área atlántica: España, Portugal, Francia e o Reino Unido, nesta última fase tamén se sumou ao proxecto Irlanda. Este tipo de proxectos teñen un importante impacto positivo na economía e no emprego rexional, ao fomentar o intercambio de ideas e a cooperación entre xóvenes internacionais a través de actividades como as Creative Jams.
O proxecto AYCH é unha oportunidade para fomentar a creatividade e a tecnoloxía entre a mocidade, co-financiado polo programa Interreg Atlantic Area.