O monumento máis emblemático da Coruña iluminouse e brillou esta noite en cor azul para conmemorar esta importante data
O 27 de xuño de 2009 o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO declaraba a Torre de Hércules Patrimonio Mundial. O faro romano máis antigo do mundo aínda en funcionamento, monumento emblemático da cidade da Coruña, conseguía así esta merecida distinción. Hoxe cúmprense 14 anos dende a declaración, polo que a Torre está de aniversario. A entrada á Torre é gratis durante todo o día.
Esta noite a Torre de Hércules iluminouse en cor azul para celebrar esta data. O seu valor universal excepcional reside en que é o único faro romano do mundo que segue en pé e que aínda segue operando. Ademais, é un caso único de intervención arquitectónica nun monumento da Antigüidade. Son 2.000 anos de historia, que continúan.
No seu momento a distinción concedeuse por varios motivos. Un deles por continuar en funcionamento; en máis dun 60% mantén a súa función orixinal de sinalización marítima. Outro é pola súa restauración. Trátase dun caso paradigmático dunha intervención arquitectónica nun monumento da Antigüidade porque cando en 1790 Eustaquio Giannini proxectou a restauración da Torre de Hércules, aplicou uns criterios científicos, amosando un respecto total pola integridade do faro e mantendo a súa autenticidade. Por iso, a intervención, lonxe de restarlle valor, supón un atractivo máis, porque amosa a sensibilidade dos homes e mulleres do século XVIII ao intervir no patrimonio construído.
Obra de teatro
Con motivo deste aniversario, o venres día 30 ás 20:00 horas, terá lugar ao pé da Torre de Hércules unha obra de teatro titulada: “El Sorteo de Cásina”, de Plauto. É unha obra de ‘Corzo Producciones’, adaptada e dirixida por J. R. Martín. A entrada é gratuíta e non é necesario reservar.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.