Friday 22 de November de 2024

O conselleiro de Política Social promete traballo sen descanso para que “todos os nenos teñan familia pero tamén para que todas as familias que así o desexen teñan nenos”


Salienta o acollemento como “unha das prioridades da Consellería de Política Social” por ser “unha alternativa esencial para os nenos que se ven obrigados a afrontar unha situación de afastamento dos seus pais”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou a xuntanza de familias acolledoras celebrada na Cidade da Cultura de Galicia e que contou coa participación de 150 adultos e 107 nenos. Alí, asegurou que a Xunta de Galicia “traballará sen descanso para que todos os nenos teñan familia, pero tamén para que todas as familias que así o desexen teñan nenos”. “Que Galicia sexa o mellor lugar para ser neno ou nena ten que ir intimamente ligado a que Galicia sexa o mellor lugar para formar unha familia”, abundou.

No transcurso da xornada na que tamén participaron a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, así como representantes de Cruz Vermella de Galicia e de Aldeas Infantiles SOS Galicia, o responsable da carteira social da Xunta salientou o acollemento como “unha das prioridades da Consellería de Política Social” por ser “unha alternativa esencial para os nenos que se ven obrigados a afrontar unha situación de afastamento dos seus pais”. Nesta liña subliñou o investimento de “case 3,5 millóns de euros ao acollemento nos orzamentos para 2016” así como a ampliación da partida da Xunta de Galicia nos convenios con Cruz Vermella e Aldeas Infantiles ata os 330.000 euros e 151.000 euros, respectivamente.

Coincidindo coa celebración na xornada de onte do Día Universal do Neno, o titular de Política Social acreditou que a Xunta de Galicia cumpre estritamente coa Declaración dos Dereitos do Neno da ONU. Así, lembrou que a Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia protexe e favorece a permanencia do neno nunha familia, dando prioridade ao acollemento sobre o internamento residencial.

Deste xeito, dixo o conselleiro, “dos case 2.000 menores tutelados ou en garda da Xunta de Galicia, preto do 53% atópanse en acollemento familiar”. Entre deles, o 87% están acollidos en familia extensa, “o recurso máis idóneo porque mantén aos menores no seu entorno socioeducativo e emocional”, engadiu.

Rey Varela comezou e rematou o seu relatorio agradecendo ás familias acolledoras a súa “solidariedade, altruísmo e xenerosidade” e valorou a súa axuda para chegar “canto antes” ao obxectivo dunha Galicia “con máis nenos e máis familias”.

Xuntanza familias acolledoras
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu desde esta mañá e durante todo o día a xuntanza de familias acolledoras que conta cun extenso programa de actividades para todos os membros das familias.

Durante toda a mañá e tras a inauguración oficial do encontro, levouse a cabo a mesa redonda titulada ’Intercambio de experiencias: retos e expectativas no acollemento familiar’ para continuar cun intercambio de experiencias de acollemento familiar. A xornada contou, asemade, cun Punto de Información e intereses compartidos para as familias onde as familias poden consultar as súas dúbidas e reflexionar sobre o acollemento; así como un Punto de recepción de suxestións, onde os distintos axentes de acollemento poden mostrar as súas queixas e outorgar os seus parabéns.

Para os máis pequenos, o programa conta con obradoiros organizados en seis áreas temáticas: zona de ciencias, zona musical, zona de maquillaxe e teatro, zona de xogos tradicionais, zona de globoflexia ou papiroflexia e zona de reciclaxe. Os rapaces asistentes tamén participaron nun concurso musical, un contacontos musical e unha bebeteca para nenos de 0 a 3 anos.