Saturday 16 de November de 2024

Secundino García demanda unha solución negociada ao conflito laboral dos bombeiros ante a “desprotección” que vive a comarca


Os bombeiros comarcais encadean hoxe o seu 12º día de folga en demanda de que se cumpra a sentenza ditada o ano pasado polo Tribunal Supremo para a conversión dos efectivos en persoal laboral fixo, ao tempo que reclaman un convenio autonómico único que ofreza as mesmas condicións laborais nos parques de toda Galicia -ademais dun servizo homoxéneo- que, no caso dos da Coruña, Lugo e Pontevedra, son xa de xestión directa a través dos consorcios constituídos entre a Xunta e as deputacións. Na nosa zona unha das principais repercusións do paro indefinido foi que durante o día de hoxe o parque de bombeiros das Pontes, ademais doutros da provincia, estivo pechado por falla de persoal para garantir os servizos mínimos, de modo que de producirse algunha incidencia tería que ser atendida desde a brigada con base en Betanzos.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, denuncia a situación de “desprotección” motivada pola “falla de previsión por parte da xerencia da Axencia Galega de Emerxencias” que, asegura o rexedor “non foi capaz de prever e planificar os efectos dunha folga anunciada que non se deben á falla de efectivos, senón ao feito de que o persoal dos parques está traballando exclusivamente nas quendas que lle corresponden e sen facer horas extraordinarias”.

Os bombeiros e bombeiras dos consorcios provinciais reclaman melloras nas súas condicións de traballo (tanto económicas como de equipamento), pero tamén que se cumpra a sentenza do Tribunal Supremo relativa ao persoal laboral fixo e que exista un mando único que asegure un servizo ben equipado, coordinado e retribuído como se debe”.

Segundo explica García, a mesa de negociación “está nun punto morto neste momento pola falla de vontade negociadora da Xunta”. Tal e como denunciaron os sindicatos o xoves pasado ao remate da reunión mantida co director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, “a Xunta non ten interese en chegar a acordos” e “non quere saber nada de negociar un convenio único”, razón pola que se mantén, de momento, unha folga indefinida a que están convocadas e convocados preto de 500 profesionais de 25 parques das catro provincias.

O alcalde de San Sadurniño pide “unha solución urxente e negociada, en primeiro lugar para atender as reivindicacións xustas que plantexan as traballadoras e traballadores; e, en segundo lugar, porque é unha irresponsabilidade por parte do Goberno galego que os parques comarcais estean baixo mínimos precisamente nesta época do ano”.