Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey, ao alumnado coruñés cos mellores expedientes ABAU: “Sodes exemplo de valores fundamentais para o día a día, como a constancia e o esforzo”


A rexedora recibiu en María Pita ás dez rapazas e cinco rapaces coas mellores cualificacións, pertencentes ao IES de Monelos, Elviña e Eusebio da Guarda, así como aos CPR de Eirís, Compañía de María, Santa María del Mar e Santo Domingo

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu este luns ás 15 alumnas e alumnos coruñeses, pertencentes a centros educativos da cidade, cos mellores expedientes nas probas ABAU deste ano. Deles, dez son rapazas e cinco, rapaces. Claudia Currais, Claudia Elisa Delgado e Priscilla Sardi (CPR Plurilingüe Santa María del Mar), Álvaro Ballón, Ana Riveiro e Olalla Vieites (CPR Plurilingüe Compañía de María), Inés Roura e Jorge Barreira (CPR Plurilingüe Santo Domingo), Paula Díaz, Carla Dopazo e Sergio Sánchez (IES Plurilingüe Eusebio da Guarda), Rodrigo García e Olivia Méndez (CPR Eirís), Fernando Javier Álvarez (IES Plurilingüe Elviña) e Uxía López (IES Monelos) foron homenaxeados no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita.

Inés Rey felicitou ás e aos estudantes presentes no acto, e púxoos como exemplo “de valores fundamentais para o día a día, como a constancia e o esforzo”. Neste sentido, a alcaldesa da Coruña lembroulles que “no hábito e a perseverancia están as claves principais que nos achegan a lograr os nosos obxectivos, e non soamente nas ABAU, senón en todos os aspectos da vida”.

A rexedora, que desexou sorte ao alumnado de cara á súa seguinte etapa, rematou a súa intervención destacando “a importancia que ten, no proceso formativo, o traballo en equipo”. “O amparo do profesorado ás alumnas e alumnos é fundamental, así como o das familias e a contorna, porque o apoio e a confianza tamén axudan a marcar a diferencia”.

Achegados das alumnas e alumnos, así como persoal docente dos centros educativos nos que cursaron estudos os homenaxeados, asistiron tamén ao acto de recepción, que tivo lugar hoxe ao mediodía no Salón de Plenos, e no que Inés Rey estivo acompañada por Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña (UDC), e Pedro Armas, vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e delegado da Universidade da Coruña neste órgano de goberno.