Saturday 16 de November de 2024

Rivo mantén un encontro co Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense para escoitar as súas inquedanzas no marco das relacións laborais


A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza coa presidenta do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Susana Soneira, e con outros membros responsables da entidade para escoitar as súas principais demandas.

Na reunión abordáronse as primeiras xornadas laboralistas que organizará a entidade no mes de setembro e púxose en valor o servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral que comezou a funcionar no ano 2021 a través dun convenio de colaboración que mantén a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (A Coruña e Ourense, Lugo e Pontevedra). Trátase dun recurso aberto á cidadanía que ofrece asesoramento personalizado sobre prestacións da Seguridade Social, igualdade no traballo ou emprendemento, entre outras cuestións. Con esta medida a Xunta busca dar resposta ás inquedanzas de persoas traballadoras no marco das relacións laborais e as condicións de traballo.