Monday 25 de November de 2024

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre encabezan o cartel do XXVIII Festival do Río Castro


O festival celébrase en Naraío este sábado, 1 de xullo

Quedan escasos días para que a festa regrese, un ano máis, ao campo da Bóla, en Naraío, onde este sábado terá lugar a 28ª edición do Festival do Río Castro. Unha cita coa música tradicional, os xogos e o desfrute do aire libre que mantén intacta desde 1994 a súa esencia, na que se mestura o mellor dunha romaría campestre -merendadas incluídas- con propostas lúdicas para toda a familia. Trala volta á normalidade de 2022, a organización sorpréndenos cun cartel de pesos pesados encabezado por Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

A formación abrirá os concertos da noite dándolle paso, deseguido, aos Carapaus e á Mekánika Rolling Band.Porén, durante o día haberá moito máis para desfrutar á beira do río: unha sesión vermú a partir das 14:00h coas escolas municipais de gaita, pandeireta e cantos de taberna; xogos para a rapazada das 15:30h en diante, a actuación de César Freiría (o home orquestra Cè Orquestra Pantasma) a iso das 17:30h e o sempre desputado campionato de deportes rurais por equipos, que este ano comezará sobre as 18:30h e deberá resolverse en non máis de hora e media para cumprir coa axustada programación de probas de sonido previas ás actuacións nocturnas.

O cartel -deseñado por Juanlu Nacha- e todo o contido do día poden consultarse na web festivaldoriocastro.gal. A asociación veciñal presentou a programación o pasado 27 de maio cun exitoso formato que levou música, baile e outras actividades aos dous únicos bares que quedan abertos na parroquia. De cara a este sábado todo o ambiente festivaleiro concentrarase á beira do río, a escasos metros da ponte medieval da Ferraría. Nas últimas semanas a entidade ocupouse de segar e rozar o espazo para acoller tanto as propostas lúdicas e musicais como as numerosas merendadas que se agardan, máis incluso que en edicións anteriores.

Na loxística hai implicadas preto dunha vintena de persoas entre membros da directiva da asociación e colaboradoras, ademais da axuda da agrupación de Protección Civil do Concello de Narón. En previsión de que haxa tamén máis afluencia de público, O Castelo de Narahío habilitou máis superficie de estacionamento nas zonas do Eirexado e da Veiga, das que se botará man unha vez se completen os aparcadoiros principais situados na Pena.

Por outra banda tamén se amplía até o remate do festival a presenza dunha ambulancia medicalizada para atender posibles urxencias e, como novidade, o evento contará por primeira vez cun punto violenta e cunha guía de actuación ante casos de acoso ou violencia de xénero incluída no plan de seguridade e emerxencias.

O Castelo de Narahío cifra o orzamento total do festival en algo máis de 26.000 euros, que finalmente quedarán rebaixados a aproximadamente a metade gracias á Rede Cultural da Deputación da Coruña -que financia a actuación de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre- e ao programa Dinamizartj do Instituto para a Transición Xusta -a través do que veñen Os Carapaus-, solicitados polo Concello de San Sadurniño para complementar o festival dentro da estratexia municipal de descentralización da Cultura e de apoio ao tecido asociativo.