Friday 22 de November de 2024

A Fundación Galicia Europa explicou nunhas xornadas formativas as oportunidades que ofrece a UE ás Pemes


A actividade organizouse en colaboración coas Cámaras de Comercio de Galicia nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña

A Fundación Galicia Europa (FGE) organizou en colaboración cun dos membros do seu padroado, as Cámaras de Comercio de Galicia, tres cursos de formación co obxectivo de que as empresas galegas coñezan as oportunidades que a UE ofrece ás Pemes.

Esta iniciativa enmárcase nos obxectivos fundacionais da Fundación Galicia Europa (FGE) de informar sobre a UE en Galicia e promover a participación galega en proxectos europeos. As xornadas desenvolvéronse o xoves en Santiago e Vigo, e onte na Coruña. O obxectivo das xornadas é dar a coñecer ás empresas, centros tecnolóxicos e asociacións de empresas galegas as oportunidades que a UE ofrece ás pemes, polo que tras unha introdución sobre a política da UE de apoio ás pemes, explicáronse as claves para comprender o funcionamento de tres tipos de financiamento europeo: os programas de financiamento no ámbito da competitividade, os instrumentos financeiros postos en marcha polo Banco Europeo de Investimento (BEI) e as licitacións no marco da Axuda Externa da UE.

Nesta liña, a FGE presentou a súa Guía de Financiamento Comunitario 2014 – 2020 na que se recolle unha explicación dos programas europeos deste período, así como consellos sobre como acceder a eles. Esta publicación pretende ser unha referencia para ter una toma de contacto cos programas, a terminoloxía e as peculiaridades deste tipo de fondos europeos, así como axudar ás entidades galegas a identificar as oportunidades de financiamento máis adecuados e contribuír á captación de fondos comunitarios en Galicia.

A FGE traballa por achegar o coñecemento destas oportunidades a Galicia co fin de potenciar a competitividade dos sectores público e privado galegos. Iniciativas como estas xornadas de formación, asesoramento técnico ou a procura de socios a escala europea son algunhas das ferramentas que pon a disposición dos profesionais galegos con fin de axudar a sacar o máximo partido ás oportunidades que ofrece a UE.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.