Cinema, música, exposicións, presentacións literarias, obradoiros e a feira de entidades LGTBI+ conforman un calendario de catro semanas de actividades ás que se suman os concertos do Atlantic Pride
Por primeira vez, un barrio celebra a súa propia “festa orgullosa” organizada polos veciños do Ventorrillo
A concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, presentou no Palacio de María Pita o cartel e o programa de actividades que organiza o Concello para celebrar o Orgullo 2023.
“O cartel deste ano resume perfectamente como celebra esta cidade esta festa de visibilización e reivindicación LGTBI+: o noso Orgullo é tan grande que nos falta espazo para expresalo”, destacou Neira. “O Orgullo coruñés é xa un referente cultural do noroeste do país e cada ano faise máis grande e máis participativo”, explicou.
Neira subliñou que a programación deste ano céntrase na cultura e a divulgación. “Haberá cinema, obradoiros, literatura, unha exposición fotográfica e, de novo, a feira de entidades LGTBI+, un punto de encontro e de información que demostra a solidez e a variedade dos distintos grupos e asociacións que loitan na nosa cidade pola igualdade efectiva e o recoñecemento da diversidade”, dixo.
A concelleira lembrou que esta programación complétase co festival Atlantic Pride, que do 2 ao 9 de xullo ofrecerá concertos nas súas tres sedes: a Fundación Luís Seoane, a praza de Pontevedra e os xardíns de Méndez Núñez. Este último espazo contará este ano por primeira vez cun punto violeta, como o resto das xornadas festivas que teñen lugar na cidade durante o verán Catro semanas de actividades
A bandeira do orgullo xa está colocada na Domus desde o pasado día 16, mais o comezo das actividades será, como habitualmente, a manifestación do Orgullo que percorrerá as rúas da cidade ata a praza de María Pita o vindeiro mércores día 28.
O venres 30 comezarán as actividades coa inauguración, na rúa Compostela, da exposición ‘Álbum familiar’, da fotógrafa coruñesa Lestonnac Ibáñez, que conmemora os 18 anos do matrimonio igualitario en España. O mesmo día, pola tarde, o barrio do Ventorrillo desenvolverá o seu primeiro ‘Ventorrillo orgulloso’, unha iniciativa veciñal que, co apoio do Concello, utiliza a arte e a festa para contribuír á visibilización do colectivo LGTBI+. Ente as actividades programadas, os propios veciños pintarán coas cores da bandeira LGTBI+ algúns dos bancos do barrio.
A literatura será un ano máis protagonista da man de Librarías Orgullosas, un proxecto
consolidado que aglutina a 12 establecementos da cidade. Os autores Neé Barros e Luís Maura presentarán as súas últimas obras os días 5 e 6 de xullo nas librarías Nobel e Berbiriana, respectivamente.
O sábado 15 será o día do activismo e a celebración. Pola mañá, as asociacións LGTBI da cidade programan na praza de Lugo a Feira de Entidades, nas que ofrecerán información e divulgación desde as 10.30 da mañá. Ás 13.00 terá lugar a actuación musical dos coros Coruña Cores e Cantabile.
O sábado pola tarde, a partir das 20.00, na Fundación Luís Seoane, celebrarase a festa do Orgullo lésbico que este ano leva como lema ‘Marcelas e Elisas’. Haberá un concerto de La Negri e unha sesión DJ a cargo da DJ Lola la Yaya.
O cinema é outro dos pratos fortes da programación. Os días 18, 19 e 20 de xullo proxectaranse ao aire libre na praza de España/Campo da Leña tres filmes de temática LGTBI+ dentro do ciclo Cinema con Orgullo. A primeira das proxeccións será ‘20.000 especies de abellas’, de Estíbaliz Urresola, premiada no Festival de Málaga e na Berlinale.
Completan o ciclo a película arxentina ‘Cros Dreamers’ e ‘Alex&Munchie’, da directora e activista galega Carme P.G Granxeiro. Todas as proxeccións son ás 22.00 horas.
A programación complétase con dous obradoiros no Espazo Diverso do centro cívico da Cidade Vella: un a cargo de Lucinda Rey Escribano baixo o título ‘É un orgullo romper os meus medos contigo’ que terá lugar o día 13 de xullo e un taller de debuxo de Greta Debelius o día 22.
“O Goberno de Inés Rey leva desde o ano 2019 impulsando políticas de visibilización, máis importantes hoxe que nunca, cando se aprecia un retroceso por parte de determinadas formacións políticas. Neste tema non podemos dar un paso atrás”, indicou Neira.