Saturday 16 de November de 2024

Turismo de Galicia celebra talleres de formación para os principais operadores turísticos en Arxentina e Perú


Preto de 70 profesionais do sector turístico participaron nestas sesións de formación sobre o destino Galicia desenvolvidas nas cidades de Mendoza e Lima

Preto de 70 operadores turísticos arxentinos e peruanos participaron nos talleres de traballo organizados por Turismo de Galicia, en colaboración con Turespaña, ao obxecto de formar no destino Galicia aos profesionais destes países suramericanos dentro dun programa de difusión dos valores turísticos da Comunidade galega.

O obxectivo desta misión turística é dar a coñecer os valores do turismo de Galicia e transmitir de primeira man a realidade do mercado galego.

O encontro profesional celebrado en Arxentina desenvolveuse na cidade de Mendoza, no restaurante Nadia OF, e contou coa presenza dos máis destacados operadores turísticos da área de influencia desta cidade e do oeste do país austral.

No decurso deste taller, representantes de Turismo de Galicia presentaron a oferta turística da Comunidade galega e do Camiño de Santiago, e detallaron a conformación do mercado, así como as posibilidades que ofrece este para a organización de viaxes desde Arxentina.

Neste encontro participaron operadores turísticos especializados en distintos tipos de viaxes organizadas, salientando os de tipo cultural e de contacto coa natureza.

Durante esta xuntanza profesional, púxose de manifesto o interese dos axentes de viaxe desta área de Arxentina polo destino Galicia, sobre todo no que atinxe á cultura, o Camiño de Santiago, as cidades e a natureza.

Por outra parte, Turismo de Galicia desenvolveu un segundo taller de traballo dentro deste programa de difusión dos valores turísticos de Galicia entre os operadores suramericanos.

Deste xeito, o Centro Cultural de España de Lima, acolleu este encontro que contou coa participación dos principais axentes de viaxes da área de Lima.

Mercados emerxentes
Con estas iniciativas promocionais, Turismo de Galicia mantén a súa aposta pola difusión da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional.

Así, ao longo deste ano, Galicia xa participou en distintas actividades relacionadas coa promoción turística e cultural da comunidade galega nos países do leste de Europa, como Rusia e Uzbequistán, ademais de programar unha exposición fotográfica sobre Galicia nas sedes do Instituto Cervantes en Varsovia, Cracovia e Bialystok, en Polonia.

Ademais, Turismo de Galicia participou en varias feiras turísticas desenvolvidas en Brasil e outras accións de promoción organizadas en colaboración coa Embaixada de España en Brasil e Turespaña.

Demanda turística americana
Polo que respecta á demanda turística do mercado americano cara a Galicia, en termos globais, esta experimentou neste ano 2015 -ata o mes de setembro- un comportamento positivo en Galicia, con incrementos importantes tanto da cifra de viaxeiros aloxados como das pernoitas.

O mercado americano representou o 18,4% do total da demanda internacional de Galicia neste período, cifra que se repartiu entre o 7,3% de EEUU e o 11,1% dos restantes países.