O festival, que se viña anunciando con sete estalos nas canles municipais, finalmente non se celebrará en Culleredo
O goberno debe aclarar en que consistía o patrocinio ou colaboración municipal
Teñen que dicir cantos cartos se empregaron nesa “colaboración”
O evento Recorda Fest que anunciaban os comunicados do Concello como o grande éxito da tempada cambiou subitamente o lugar de celebración, que ía ser en Culleredo, sen maior explicación por parte do alcalde Rioboo. O BNG de Culleredo vai volver pedir explicacións sobre este evento sobre o que xa preguntará anteriormente en que consistía o suposto patrocinio ou colaboración do concello. Agora procede saber que cantidade económica saíu ou ía saír das arcas municipais nese concepto.
O Concello de Culleredo anunciou que o Recorda Fest finalmente non terá lugar en Culleredo supostamente por incompatibilidade coas actuais obras de dragado na ría do Burgo. Sen embargo, o Mercado Templario do Burgo non ten problemas para celebrarse nesa zona e en datas semellantes.
O Morriña Fest como precedente
O BNG de Culleredo destapou no seu momento que se pagaron 50.000 euros de maneira ilegal polo Morriña Fest, que tivo lugar hai dous anos, tamén na zona da ría do Burgo. O concello comprou entradas e asumiu taxas que tiñan que ser asumidos pola propia organización do evento, en lugar de ser cargados á veciñanza.
Previamente, o BNG xa denunciara a opacidade que precedía á celebración do festival, xa que tampouco había respostas respecto ao patrocinio por parte do concello, e grandes dúbidas sobre as medidas sanitarias, estando en tempos de pandemia. Finalmente, os organizadores do Morriña Fest trasladaron o evento á Coruña na edición posterior perdéndose así o investimento en crear esa marca.
É a segunda vez en pouco tempo que vemos como este tipo de proxectos se anuncian como un éxito e rematan sendo un fracaso.