Friday 22 de November de 2024

Ortigueira arroupa a Kepa Junkera no seu regreso histórico para ‘renacer’


● O alcalde, Valentín Calvín, dixo que Kepa Junkera é “un deses músicos que deixan pegada alí onde pisan e, en Ortigueira, deixouna”

● O músico bilbaíno visitou o municipio para presentar o seu documental e libro con título homónimo ‘Berpiztu’, que repasa toda unha vida que se veu interrompida en 2018 tras sufrir un ictus

Ortigueira arroupou no día de hoxe ao músico Kepa Junkera no seu regreso histórico ao municipio tras máis dunha década. Fíxoo para presentar, no Teatro da Beneficencia, o seu documental e libro con título homónimo ‘Berpiztu’, que significa ‘Renacer’, e que inclúe imaxes e testemuñas nunca vistas sobre o músico, que veu a súa carreira interrompida a finais do ano 2018 tras sufrir un ictus.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que Kepa Junkera é “un deses músicos que deixan pegada alí onde pisan e, en Ortigueira, deixouna”. Ademais de agradecerlle a súa xenerosidade de elixir a nosa vila pra presentar o seu “Renacer”, Calvín definiu este documental como “unha lección de vida” e “unha oda á superación”. Neste sentido, salientou que nel o músico bilbaíno demostra que non perdeu a ilusión, o humor e, sobre todo, a súa capacidade de traballo: “A fortaleza de Kepa non ten límites e sei que nunca deixará de sorprendernos”, afirmou.

Con este acto, Valentín Calvín deu por inaugurada a nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira: “Porque non hai mellor xeito de facelo e porque, ante todo, Kepa meréceo. Por todo o que lle deu á nosa vila pero, sobre todo, polo que lle leva dado á música folk internacional e á da súa terra, Euskadi”.

O evento, no que colaboraron o Concello e a organización do Festival de Ortigueira, comezou cunha visita do músico ao banco de Loiba, un dos lugares máis emblemáticos dunha Ortigueira gardada no corazón do músico.
Exposición fotográfica de Kepa Junkera
O Teatro da Beneficencia acolle desde hoxe mesmo unha exposición sobre Kepa Junkera coas fotografías de Sonia Navas e Sindo Novoa. A mostra poderase visitar ata o final do Festival de Ortigueira, que se celebrará entre o 9 e o 16 de xullo.